Alcoa informará o luns sobre o proceso de venda da fábrica de Cervo á Sepi
Alcoa convocou ao comité de empresa de Cervo a unha reunión este luns 22 para informar sobre o estado da negociación da venda da planta de aluminio de San Cibrao á Sepi (sociedade estatal de participacións industriais).
O encontro terá carácter telemático e está previsto entre as 11,30 e as 12,30 horas. Deste xeito dase cumprimento ao compromiso de información recollido no acordo coa representación dos traballadores do pasado 22 de xaneiro.
O 4 de febreiro, a multinacional deu conta do inicio das negociacións coa Sepi, á que remitiu unha proposta de termos xerais dentro do prazo de dúas semanas que se fixaron as partes. Esta semana, o comité de empresa urxiu ao Goberno central a dar unha resposta a esa proposta, tendo en conta que xa pasaron máis de 15 días da recepción do documento.