Alcoa e Ignis anuncian a reactivación da planta de aluminio de San Cibrao

Alcoa Corporation e o seu socio Ignis EQT confirmaron este luns o recomezo do proceso de rearranque da planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo, despois de meses de parálise pola interrupción eléctrica xeral sufrida o pasado 28 de abril. Segundo o comunicado conxunto da multinacional estadounidense e da compañía enerxética, a decisión tomouse tras revisar os danos causados polo apagón e recibir garantías por parte do Goberno de España de que se están a tomar medidas para evitar que situacións semellantes volvan repetirse.
Rob Bear, vicepresidente de operacións de Alcoa en España, asegurou que xa revisaron o informe elaborado polo Executivo estatal sobre as causas do fallo eléctrico, así como os investimentos previstos para reforzar a estabilidade da rede. Ademais, mantiveron encontros tanto con representantes do Goberno central como da Xunta de Galicia, dos que —segundo Bear— obtiveron “certezas de que se seguirá promovendo unha política enerxética máis fiable e competitiva”.
A planta reactivará gradualmente as cubas de electrólise que permanecían paralizadas, e o obxectivo da empresa é que todas estean operativas a mediados de 2026. A pesar deste avance, Alcoa estima que a fábrica mariñá acumulará este ano perdas netas de entre 90 e 110 millóns de dólares, debido ao atraso no rearranque e ao adiamento dos ingresos que inicialmente se prevían para 2025, e que agora se trasladan ao exercicio seguinte.
Na carta enviada ao cadro de persoal, Rob Bear apelou á responsabilidade dos traballadores para abordar esta nova fase co máximo compromiso: “É o momento de centrarnos en acadar un rearranque con éxito, mantendo a seguridade como prioridade absoluta”. A empresa insiste en que só se procederá cando o equipo técnico certifique que se dan todas as condicións para retomar os traballos con garantías.
Con todo, a decisión de Alcoa non freou a inquietude entre os empregados. Así, un grupo de traballadores mobilizouse fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo para reclamar reunións de seguimento nas que se detalle cal será o futuro inmediato do complexo industrial de San Cibrao e os compromisos reais adquiridos por parte de Alcoa e Ignis. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, criticou a falta de transparencia e alertou de que “non se pode continuar cun proceso que só xera incerteza e ameaza a viabilidade da comarca”.