Alcoa compra a planta de Alúmina e faise así co 100 por cento da planta
A planta de produción de alúmina de San Cibrao pasa a ser propiedade na súa totalidade da multinacional estadounidense Alcoa, que completou a operación de compra da sociedade australiana Alumina Limited.
Alcoa xa controlaba o 60 % da planta de alúmina, mentres o 40 % restante pertencía á Alumina. No mesmo complexo galego, por outra banda, atópase unha planta de produción de aluminio da que é dona a estadounidense.
A adquisición anunciouse durante o pasado mes de marzo, ao comunicar que ambas as compañías chegaran a un acordo para a venda. A operación estaba inicialmente valorada en 2.000 millóns de dólares (uns 1.829 millóns de euros), pero o valor patrimonial acabou sendo superior pola contraprestación de 0,02854 accións de Alcoa por cada título de Alumina recibida polos accionistas.
O presidente e conselleiro delegado de Alcoa, William F. Oplinger, sinalou que a adquisición de Alumina Limited fortalécelles como un dos maiores produtores de bauxita e alúmina do mundo e que espera que a operación cre valor a longo prazo a partir dunha maior flexibilidade financeira e operativa.
Coa adquisición de Alumina por parte de Alcoa, a empresa conxunta Alcoa World Alumina and Chemicals (AWAC) agora é propiedade total e está controlada por Alcoa.
Anteriormente, Alcoa posuía unha participación do 60 % en AWAC, que está formada por unha serie de entidades afiliadas, que posúen, operan ou teñen intereses en minas de bauxita e refinerías de alúmina en Australia, Brasil, España, Arabia Saudita e Guinea. AWAC tamén ten unha participación do 55 % nunha fundición de aluminio en Victoria (Australia).