Alcoa comezou a producir aluminio primario en San Cibrao
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, comunicou que este mércores 14 de febreiro volveuse a producir aluminio primario despois de dous anos, no marco dun proceso de rearranque de forma gradual das súas cubas.
Zan, explicou que "facía dous anos que non se producía aluminio primario en España", e engadiu que "hai sete cubas en funcionamento na sala 1 da serie B e as seguintes en entrar en funcionamento, nos vindeiros día, serán na serie 2B".
"Nestes momentos están a levar a primeira viaxe de aluminio líquido da electrólise ao departamento de fundición, que en total son 4.560 quilos e foron transportados por Iravedra e coados polos cubistas Toni e Leivas", sinalou Zan.
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao dixo sentir "unha gran satisfacción" e que os traballadores amosaron "a súa competitividade" tanto en aluminio como en alúmina. "En Brasil custoulles e estalles custando moitísimo o arranque, e nos fumos capaces de facelo".
PROCESO.
O ánodo e o cátodo son os elementos que permiten que a electricidade se poda transmitir pola cuba, así que primeiramente preparase cada un deles co illamento térmico adecuado.
Despois engádese un baño líquido, a alumina e as sales de criolita, todos eles esenciais para realizar a electrólise. Para que as cubas funcionen, necesitan moita cantidade de enerxía a cal fai que se rompan as moléculas de alumina e separa o oxíxeno que ascende en forma de gas, e o aluminio líquido deposítase ao fondo da cuba.
Ao estar paradas desde fai dous anos, o aluminio que se atopa no seu interior está en estado sólido a temperatura ambiente, e para que todo este proceso comece, o aluminio ten que estar a 660ºC e máis adiante a cuba alcanzará máis de 1.000ºC para a criolita. Cando se consigue a tensión adecuada comeza a producirse a electrólise e a cuba xa se considera arrancada.