Alcoa anuncia aos traballadores que recurrirá a sentenza do TSXG
O director de Alcoa en España fixo chegar hoxe unha misiva aos seus traballadores na que comunica que a compañía deidiu iniciar o proceso para recurrir ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declarou nulo o despedimento colectivo.
Alcoa considera "ter acutado de boa fe e en pleno cumprimento da lei respecto ao proceso de consultas e cremos que o Tribunal Supremo poderá concluír que foi así. Alcoa tomou unha decisión o 8 de outubro só despois dun proceso de consultas onde se discutiron as alternativas posibles e realizouse un proceso de venda a Liberty House e a SEPI", explicou.
O director insite "na necesidade de reestruturar a planta de aluminio persiste, xa que os importantes problemas estruturais e permanentes continúan. O recentemente aprobado Estatuto de Consumidores Electro-intensivos non ofrece ningunha solución, xa que non garante un prezo de enerxía competitivo para unha industria electrointensiva como a da produción de aluminio primario".
"As importantes dificultades ás que se enfronta esta planta ven agravadas polos efectos da folga, que está a poñer en risco a estabilidade da planta de alúmina. Estas accións, que están a ter un forte impacto nas subministracións aos nosos clientes, tamén socavan as perspectivas de ambas as plantas" continúa decindo para concluír que "Alcoa sempre estivo aberta a analizar calquera outra solución razoable".