Alcaldes socialistas trasládanlle á Fegamp as súas necesidades sobre reparto de fondos

TerraChaXa | AMariñaXa
O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Alvaro Santos, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, mantiveron un encontro, acompañados dos alcaldes socialistas da provincia.
consello alcaldes
9 Xan 2019

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Alvaro Santos, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, mantiveron un encontro, acompañados dos alcaldes socialistas da provincia. Esta reunión está enmarcada dentro da actividade regular que desempeña o Consello de alcaldes para deliberar e adoptar posturas sobre distintos temas que afectan a administración local e ao veciños da provincia. Durante o encontro, os rexedores lucenses abordaron co máximo representante da Fegamp as 3 principais demandas que teñen os municipios.
Executar o 100% e aumentar os criterios obxectivos dos fondos para os Concellos
Os rexedores da provincia explicáronlle ao Presidente da Fegamp que máis da metade dos 119 millóns do Fondo de Cooperación Local foi distribuído en base a criterios non obxectivos e partidistas, habitualmente a Concellos gobernados polo PP. Os socialistas lembran que o fondo creouse para paliar as desigualdades territoriais e que non se está cumprindo dito obxectivo. Por este motivo, os alcaldes da provincia de Lugo están de acordo en tratar de canalizar e vehiculizar unha proposta para que se aumente a porcentaxe de distribución en base a criterios obxectivos do Fondo total para administracións locais, pois no 2018 contaba con 353 millóns, dos cales 234 foron para convenios directos, é dicir, máis do 66% do total foi asignado “a dedo”.
Máis investimentos para máis competencias
Os socialistas explicáronlle a Alfredo García que actualmente os municipios dedican unha parte importante dos seus recursos económicos a atender competencias impropias pero que se tratan de prestacións fundamentais para os seus habitantes. Segundo a Lei de Bases de Réxime Local a delegación de competencias ten que ir acompañada da correspondente financiamento, e iso, critican os alcaldes, que non está a suceder. Os socialistas  comprometéronse a identificar, cuantificar e certificar o custe de todas estas competencias para tratar de que as administracións que non as están exercendo acheguen eses investimentos para que se fagan realidade.
Plan Estratéxico de Infraestruturas Hidráulicas
Outra das principais demandas dos alcaldes lucenses foi a situación actual do Canon da Auga que impuxo o PP na Xunta de Galicia e que obriga aos Concellos a cobrar aos seus veciños e ingresar o recadado ao organismo autonómico. Segundo este canon, todo o recadado financiará exclusivamente actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras de augas residuais e xestión dos ríos, tendo coma un dos obxectivos fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma.
Neste eido os socialistas trasladáronlle a Alfredo García que o PP non compromete en investimentos o ingresado, producindo remanentes que se empregan para outras actuacións diferentes as estipuladas no Canon. Dos 13 proxectos licitados na provincia de Lugo dende o ano 2015, 12 foron para Concellos gobernados polos populares, contando cun investimento total de 4,8 millóns de euros. Os municipios son: Outeiro de Rei, Paradela, Sober, Friol, Foz, Mondoñedo, Cospeito, Begonte, O Páramo, Taboada, Lourenzá (en 2015, cando gobernaba o PP) e Vilalba.
Ante esta clara desigualdade, os socialistas expuxéronlle ao representante da Fegamp a necesidade real dun Plan Estratéxico de Infraestruturas Hidráulicas deseñado en base a criterios obxectivos e coa participación dos Concellos, que recolla actuacións concretas a desenvolver coa totalidade do Canon recadado, así como a posibilidade de que unha parte reverta de xeito directo no municipio recadador.

0.30559611320496