Alcaldes da Mariña xuntanse a prol dunha ambulancia medicalizada

TerraChaXa | AMariñaXa
Os alcaldes e alcaldesas dos Concellos de Alfoz, Burela, Lourenzá, Ourol, A Pontenova, Trabada, O Valadouro e Viveiro amosan o seu rexeitamento ao novo contrato ofertado polo Servizo Galego de Saúde e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para os servizos de transporte sanitario terrestre, no que se recolle a supresión dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias) para a ambulancia medicalizada do Concello de Foz, sendo a única das 10 existentes na Comunidade Autónoma que sufrirá un recorte de persoal.
1 1
17 Maio 2019

Na actualidade a ambulancia medicalizada (AA-SVA- M), conta en cada quenda de garda con 2 TES, 1 Médico e 1 DUE do mesmo xeito que o resto de ambulancias medicalizadas do territorio galego. Tras o recorte a dotación humana só estará formada por un TES, un Médico e un DUE, o que, na opinión baseada no coñecemento e experiencia dos propios profesionais de emerxencias sanitarias, representa unha eiva que debilita significativamente a capacidadede resposta de tan importante recurso.
Como alcaldes e alcaldesas queren denunciar que se trata dunha decisión totalmente arbitraria, que carece de valoración técnica e que discrimina inxustificadamente á Mariña Lucense. Esta medida empeorará a calidade dun servizo onde o tempo de resposta é vital para mitigar as consecuencias aos doentes ante unha emerxencia ou patoloxía urxente.
Suma así, a Xunta de Galicia, un novo recorte no servizo de transporte sanitario urxente terrestre para os Concellos e para a Comarca, pois xa no 2011 reduciu o horario da ambulancia de soporte vital básico con base en Foz, pasando de estar operativa as 24 horas a estalo só 12, o que inevitablemente influíu no resto de equipos dispoñibles na Mariña que teñen que acudir no restante horario a cubrir os servizos que non se poden atender dende Foz, precisamente por ese recorte.
Aínda están a tempo de salvar un servizo sanitario fundamental, só se precisa vontade política, polo que, esixen que se deteña a contratación elaborada pola Xunta de Galicia e se abra un novo procedemento no que a Mariña siga contando, cando menos, cos mesmos recursos que calquera outra zona da Provincia ou da Comunidade Autónoma.
Os veciños e veciñas, usuarios e usuarias, non queren explicacións de porqué se nos despreza e trata peor que os doutros lugares, queren simplemente ser atendidos coma calquera outro, independentemente de onde vivan ou se atopen.
Polo tanto, como alcaldes e alcaldesas, reiteran o seu máis severo reproche a este inaceptable recorte de recursos e a nosa esixencia de corrección do mesmo.

0.19138693809509