Alarma en Cervo polos recortes sanitarios de verán

AMariñaXa
O PSdeG denuncia que o municipio quedará cunha soa médica sen citas programadas a partir do 7 de xullo
centro-saude-cervo
2 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Cervo vén de alertar sobre os serios efectos que terá para a veciñanza a reorganización da atención sanitaria durante o verán, segundo un aviso informal exposto no Centro de Saúde de San Ciprián. A partir do 7 de xullo, tanto este centro como o de Cervo compartirán unha única médica, que só atenderá sen cita previa, en orde de chegada e cun horario reducido, entre as 10:20 e as 15:00 horas.

Esta medida implica a eliminación da atención programada e deixa sen resposta a moitas dúbidas clave, como se ambos centros seguirán abertos ou se se centralizará a atención nun deles. Ademais, os pacientes que non poidan ser atendidos no día serán derivados ao PAC de Burela ou citados sen garantías de continuidade asistencial.

A voceira socialista, María Luján Ramos, cualificou a situación de “auténtica vergoña”, e lembrou que en 2013 xa se tentou pechar o consultorio de Cervo, o que se evitou pola presión veciñal. “Aínda así eliminaron un dos tres médicos de San Ciprián como represalia”, sinalou.

Segundo Luján, o recorte chega no momento de maior demanda asistencial: “No verán a poboación multiplícase e o PAC da Mariña xa está ao límite”. Por iso, o PSdeG-PSOE de Cervo reclama ao goberno municipal do PP que esixa á Xunta de Galicia medidas urxentes para garantir unha atención digna e continua.

“A saúde da nosa xente non pode depender dos recortes nin da improvisación”, concluíu Luján, quen pediu á Consellería de Sanidade transparencia, planificación e un compromiso real coa atención primaria no rural.

⚙ Configurar cookies
0.16870808601379