Airiños do Xunco celebra medio século de tradición cunha exposición fotográfica en Cervo

AMariñaXa
A mostra inaugúrase este venres nas Escolas Vellas e percorre a historia e o legado cultural dun grupo que é xa unha referencia do folclore galego
pandeireta
2 May 2025

A asociación cultural Airiños do Xunco conmemora os seus cincuenta anos de vida cunha exposición fotográfica que se inaugurará este venres, 3 de maio, ás 19:00 horas nas Escolas Vellas de Cervo. A mostra recolle imaxes históricas que percorren a traxectoria do grupo desde os seus inicios ata a actualidade, amosando momentos clave, actuacións emblemáticas e o compromiso constante coa música e danza tradicionais galegas.

“A A.C. Airiños do Xunco constituíuse oficialmente no ano 1975, pero xa antes existía un grupo de gaiteiros e bailadores aos que lles gustaba moito a festa e a tradición. Foi a necesidade de darlle forma e continuidade ao proxecto o que motivou a súa creación formal”, explica o presidente da asociación, Rafael Blas, acompañado da súa filla Raquel Blas, cantareira e profesora do grupo.

Ambos coinciden en que pertencer a Airiños do Xunco vai máis alá da actividade artística: “É levar con orgullo un legado cultural, asumir un compromiso coas raíces e sentir que formas parte dunha gran familia”. O colectivo mantén viva a esencia da tradición galega, combinando ensinanza, espectáculos e participación comunitaria.

A exposición fotográfica é unha das actividades centrais deste ano conmemorativo, no que tamén están previstas actuacións especiais, encontros con antigos membros e iniciativas de divulgación cultural.

⚙ Configurar cookies
0.096760988235474