Aínda está aberta a inscrición para a Xornada de Historia Local de Alfoz
O castelo de Castroduro de Alfoz acollerá o vindeiro 17 de xullo, día que se corresponde co Mercado Medieval, unha Xornada de Historia Local: ciclo de conferencias.
Este acto comezará ás 10.00 horas coa charla A mesa e mantel co mariscal Pedro Pardo de Cela: a cociña no bispado de Mondoñedo na Idade Media, e estará a cargo de Carlos Andrés González Paz, do Instituto de estudos galegos Padre Sarmiento.
Ás 12.00 horas será a quenda de Pegerto Saavedra, da USC, que falará sobre A fidalguía de pazo en Galicia: os fidalgos-comerciantes da Mariña de Lugo.
Máis tarde Dolores Barral Rivadulla, da USC, exporá A moda e a roupa medieval como elementos de estudo: exemplo na Mariña luguesa; e xa pola tarde será a visita guiada ao Pazo de Carricide ás 17.30 horas.
Xa pola noite, ás 22.00 horas poderase desfrutar dun concerto no exterior do castelo a cargo do grupo de música tradicional Tundal.