Agromuralla considera insuficientes a suba no prezo de leite polo que mantén o apoio á folga

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A asociación reclama que se fixe un prezo mínimo en orixe de 41 céntimos para facer fronte ao incremento dos custos de produción.
vacas leite
17 Dec 2021

A asociación de gandeiras e gandeiros reclama que se fixe un prezo mínimo en orixe de 41 céntimos para facer fronte ao incremento "sen precedentes" dos custos de produción, que abocan ás explotacións ao peche.

Tras rematar este mércores día 15 de decembro o prazo fixado para que as industrias lácteas fixeran efectivas as subas no prezo do leite que pagan aos gandeiros aos que lles recollen, a asociación Agromuralla considera "claramente insuficientes" as melloras nos contratos ofertadas polas empresas lácteas aos produtores, polo que mantén o seu apoio á convocatoria dunha folga de entregas a nivel estatal promovida pola plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, da que forma parte.

O paro, que se materializaría a nivel de todo o Estado e tería carácter indefinido, comprendería accións como deixar de mandar o leite ás industrias transformadoras e bloquear a circulación das cisternas polas estradas, como xeito de desabastecer os mercados dun produto de primeira necesidade.

Esta medida de presión "extrema e dolorosa" é "a única alternativa que nos deixan aos gandeiros", asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, unha vez que tanto as cadeas de distribución como as industrias lácteas se negan a trasladar ás granxas a suba no prezo do leite e os produtos derivados que se produciu nos supermercados.

Sumar ao maior número de produtores ao paro

Nas últimas xornadas, nos días previos a que expirara o prazo do 15 de decembro fixado para que as industrias anunciaran as subas no prezo que pagan aos gandeiros, Agromuralla mantivo encontros coas distintas empresas para coñecer de primeira man cal é a súa postura, constatando que "unicamente están dispostas a acometer subidas dun céntimo na maioría dos casos que son totalmente insuficientes para paliar a situación actual do sector", considera a asociación de gandeiros, polo que segue secundando a convocatoria dunha folga de entregas xeralizada.

O paro, convocado a nivel de todo o Estado pola plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, na que participa Agromuralla, entra agora nunha nova fase, na que se tratará de "sumar ao maior número posible de produtores á folga para que sexa efectiva", defende José Luis Pérez Barreiro.

Neste sentido, Agromuralla manterá nas vindeiras horas contactos coas distintas organizacións agrarias e grupos de gandeiros dos principais concellos produtores "para que de Galicia non saia nin un só litro de leite", ao tempo que se manteñen as reunións con asociacións de gandeiros do resto de comunidades para que fagan o mesmo nos seus territorios.

Un prezo mínimo de 41 céntimos

Agromuralla denuncia o “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro” que fai que producir un litro de leite custe entre 40 e 41 céntimos, mentras a media á que as industrias llo están pagando aos gandeiros é de 32 céntimos.

Debido a este desfase, o sector productor de leite está neste momento “en números vermellos e vendendo a perdas". "O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece", reclama o presidente de Agromuralla, que engloba a 400 produtores das provincias de Lugo e A Coruña.

Os gandeiros reclaman unha suba do prezo que cobran polo leite que producen que compense o encarecemento que están a sufrir nos pensos, o gasóleo e o prezo da luz e que fai “inviables” as súas explotacións. "Estámonos arruinando, perdendo cartos todos os meses, e a situación que se prevé de cara a comezos de ano, con novas subidas anunciadas nos cereais e os fertilizantes fai que non podamos seguir producindo", asegura José Luis Pérez Barreiro, gandeiro no concello lucense da Pastoriza.

Subidas insuficientes de 1 céntimo por parte das industrias

Os produtores cargan contra as grandes cadeas de supermercados, "que controlan o mercado e fixan os prezos", e contra as industrias lácteas "que se negan a subir o prezo aos gandeiros".

“Encarecer ao consumidor a cesta da compra non é a solución se ese incremento de prezo non repercute no produtor. Nos últimos tempos os prezos subiron nos liñais do supermercado pero descoñecemos quen leva a ganancia ou como se reparten o pastel a industria e a distribución”, di Pérez Barreiro.

A nivel institucional, Agromuralla, reparte culpas entre o Goberno central e a Xunta de Galicia, administracións ás que acusa de "deixar abandonados á súa sorte aos produtores e non facer nada para evitar a ruína dos gandeiros e o peche das súas granxas".

"Estamos cobrando o leite igual que fai 30 anos"

O prezo do leite que cobran os produtores segue estancado desde fai décadas, mentres os custos de produción non deixaron de subir. “Estamos cobrando o leite igual que fai 30 anos, antes de que chegara o euro, pero desde entón os gastos disparáronse. Pedimos algo que é xusto: unha suba do prezo que cobramos polo leite que garantice a viabilidade económica das explotacións para poder seguir mantendo viva a Galicia rural”, pediu o presidente de Agromuralla.

Lembrou que neste momento quedan en Galicia 6.500 explotacións producindo leite, a metade de todas as existentes a nivel de todo o Estado, e indicou que de Galicia sae o 40% do leite que se consume en España, polo que "se Galicia para de producir leite España sufriría inevitablemente desabastecemento dun produto básico".

0.083067893981934