Agosto quedará sen a Maruxaina de Cervo

AMariñaXa
Agosto quedará sen a Maruxaina de Cervo. A lenda non deixa claro se é una fermosa ninfa que atrae aos mariñeiros ou unha vella bondadosa
maruxaina1
15 Ago 2021

A lenda non deixa claro se é una fermosa ninfa que atrae aos mariñeiros ou unha vella bondadosa que avisa dos temporais

A Maruxaina é unha Festa de Interese Turístico que se celebra cada verán na localidade galega de San Cibrao, agás os dous últimos por mor do coronavirus.

A festa da Maruxaina, que se celebra o segundo sábado de agosto, é un agradecemento popular a canto significa e produce o mar.

Os habitantes desta vila mariñeira non se poñen de acordo sobre o carácter e as verdadeiras intencións da Maruxaina, un personaxe que protagoniza unha das máis remotas lendas galegas e vive nas illas dos Farallóns. Uns din que é unha fermosa ninfa con corpo de muller e cola de peixe que ten envexa das mulleres dos mariñeiros, e por iso co seu sedutor canto atrae os mariñeiros para gozar da súa compaña. Outros manteñen que ela lles avisa dos temporais e que é unha vella bondadosa. En todo caso, a figura da Maruxaina está rodeada de misterio, e incluso nos tempos máis recentes a lenda alimentouse na zona cos naufraxios, por exemplo, do buque Castillo Moncada en 1945, do pesqueiro Marifran nos anos 50 ou do buque Carebeka VIII en 1982.

Sexa como fora, a vila de San Cibrao decidiu escenificar a lenda, que conta que foi apresada e xulgada, e faino desde 1985 cunha festa que fascina a veciños e visitantes por igual. É unha festa que leva no seu espírito o poder enfeitizante da propia Maruxaina.

O acto central comeza un pouco antes da medianoite, no que homes e mulleres visten como as xentes do mar de tempos antigos: eles, co pantalón e a camisa remangados, e elas, con saias longas. Coas luces da vila apagadas, os homes saen ao mar na busca da Maruxaina e intérnanse nel facendo soar cornos e bucinas para non escoitar o canto da serea. Os mariñeiros regresan á praia do Torno coa figura da Maruxaina, en medio de fogos de artificio, e entre o clamor do público a nereida é conducida á praza da vila para ser xulgada polos seus actos de todo o ano no Gran Xuízo Popular. Se é declarada inocente, o pobo concédelle o indulto á difamada serea e a festa continúa cunha gran queimada, se é culpable, préndenlle lume mentres berran entre músicas e cánticos.

maruxaina4
maruxaina3
maruxaina2
0.20312881469727