Agosto acollerá as Feiras do Libro de Galicia 2021 de Viveiro e Foz
A presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, asinou un convenio polo que a Xunta colaborará con 120.000 euros na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario das Feiras do Libro de Galicia.
O investimento para apoiar a celebración destas feiras forma parte dunha intensa e permanente cooperación co sector do libro co fin de paliar os efectos da pandemia e favorecer a súa recuperación. Así, destínanse este ano preto de 1,4M€ para impulsar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas, mellorar as súas coleccións e subvencionar a compra de novidades editoriais.
Ademais, tamén está en marcha unha liña de axudas para a tradución de obras xa publicadas e nos vindeiros meses abriranse varias convocatorias de subvencións dirixidas a gastos de edición, distribución e comercialización; facilitar a asistencia de escritores a festivais e feiras ou axudar ás librarías a realizar actividades de difusión.
Catro citas máis no calendario
O circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 está composto por 12 citas, catro máis que o pasado ano. A primeira delas será en Ferrol e a continuación pasará por Santiago, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos.
Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.