Agesga convoca unha manifestación en Lugo para reclamar un servizo de emerxencias público e estable

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Desde a asociación reclámase que a Xunta de Galicia e as deputacións provinciais asuman plenamente as súas competencias en materia de emerxencias
manifestacion-bombeiros-ges-deputacion
23 Feb 2026

A Asociación de Grupos de Emerxencia Supramunicipais de Galicia, Agesga, convoca unha manifestación que se celebrará este martes 24 de febreiro, ás 12.00 horas, diante da Deputación de Lugo. A mobilización contará coa participación dos GES de toda Galicia e das organizacións sindicais CSIF, CNT, CIG e CCOO, nunha acción conxunta en defensa dun servizo de emerxencias público, estable e con garantías.

Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais interveñen a diario en incendios, accidentes de tráfico, rescates, inundacións e outras situacións de alto risco. Porén, segundo denuncia Agesga, a situación actual do servizo está marcada pola insuficiencia de persoal operativo en determinadas quendas, a falta de planificación estrutural e de estabilidade, así como pola incerteza sobre o futuro do modelo. Estas carencias, sinalan, repercuten directamente tanto na seguridade dos profesionais como na da cidadanía, polo que consideran inasumible manter un servizo esencial baseado na precariedade e na improvisación.

Desde a asociación reclámase que a Xunta de Galicia e as deputacións provinciais asuman plenamente as súas competencias en materia de emerxencias, garantindo un financiamento suficiente e unha planificación seria e coordinada. Agesga defende a necesidade dun modelo profesionalizado e estruturado para Galicia, fronte a solucións temporais que deixan no aire a continuidade do servizo.

A entidade convida aos medios de comunicación a cubrir esta mobilización e a recoller as reivindicacións dos profesionais dos GES e das organizacións sindicais participantes.

0.083247900009155