AFA Viveiro avanza na creación do seu centro terapéutico na rúa Irmáns Vilar Ponte

AMariñaXa
A asociación completou a primeira fase das obras na antiga casa dos Calvo Sotelo e segue traballando para facer realidade o proxecto
Rua-irmans-vilar-ponte-viveiro-AFA
18 Feb 2025

A Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e Outras Demencias (AFA) de Viveiro continúa dando pasos cara á posta en marcha do seu centro terapéutico na rúa Irmáns Vilar Ponte, nun inmoble cedido polo Concello. O proxecto avanza segundo o previsto, e a primeira fase das obras xa está rematada.

A intervención está financiada con fondos do IRPF destinados a fins sociais. En 2024, a Xunta concedeu 140.000 euros para os traballos, e a asociación agarda agora a resolución da axuda para 2025, que prevé que sexa algo menor. Tamén recibirán financiamento en 2026, momento no que determinarán se poden completar a habilitación do baixo do inmoble ou se precisan buscar novos apoios económicos.

A propia asociación contribuíu cun 10 % adicional no pasado ano, sumando un investimento total de 153.000 euros. Ata o momento, os traballos centráronse na retirada de entullos e na cimentación do edificio. Este ano, prevese levantar a estrutura metálica e construír o piso inferior, mentres que a terceira fase, en 2026, permitirá acondicionar os espazos interiores.

O centro terapéutico situarase no baixo do inmoble e contará con oficinas para a traballadora social e a psicóloga, baños adaptados, un vestiario para o persoal, dúas salas de estar e unha de enfermería. Na primeira planta habilitaranse dúas salas adicionais, unha sala de reunións para familiares e máis baños.

AFA Viveiro atende actualmente unhas 80 persoas nos municipios de Viveiro, O Vicedo, Ourol e Mañón, e considera esta nova sede un paso fundamental para mellorar os servizos que ofrece á comunidade.

0.16565299034119