Adxudican en Cervo os traballos para mellorar a estrada de Río Covo a Vilaestrofe
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación, por un importe de preto de 410.025,27 euros, as obras de acondicionamento da estrada LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen sinalou que estes traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, desenvolveraos a empresa Fevisa Vías y Obras SL e afectarán a case 3 quilómetros, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.
Detallou que as obras consistirán na reapertura das cunetas e no ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos. Botarase sobre a calzada unha base para regularizar o firme, e logo, aglomerado en quente. Os traballos finalizarán coa sinalización e pintado mediante marcas reflexivas brancas. A adxudicataria comprometeuse ademais a mellorar a actuación coa dotación de cunetas triangulares, aumentando o prazo de garantía en 3 anos por riba do obrigado.
“Esta é unha actuación moi importante porque esta vía enlaza coa estrada provincial LU-P-1502, e sirve de acceso a múltiples servizos, porque comunica co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña; cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo”, relatou García Porto.