Adxudican as obras da Edar de Burela
Hoxe será adxudicado o proxecto executivo da Edar de Burela. A empresa disporá de 8 meses para elaboralo. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que a finais deste 2021 ou a principios do próximo ano se licite a construción dunha infraestrutura “moi necesaria” para este concello.
O rexedor contou que “hoxe tivemos unha reunión do consorcio para a xestión do abastecemento de auga de Cervo e Burela, xuntanza na que falamos de asuntos internos desta entidade, pero ademais tiven a oportunidade de conversar con responsables de Augas de Galicia sobre as obras da nova estación depuradora de augas residuais (Edar). Moi amablemente contestáronme que realmente son dúas obras. Unha delas é a propia Edar, que se vai instalar na zona portuaria, que está pensada para dar servizo a cerca de 20.000 habitantes e que leva unha tecnoloxía moito máis biolóxica que química. É unha Edar moi necesaria e que será moi boa para o noso pobo. Pero ademais hai que facer unha obra complementaria, que é a das canalizacións cuns tubos enormes, de 2 metros de sección, que hai que colocar para despois conectar co emisario”.
Llano subliñou que “esta obra complementaria que inclúe as canalizacións licitarase en breve, nos próximos días. E para a propia Edar farase mañá a adxudicación a unha empresa do proxecto executivo e hai 8 meses de prazo para elaboralo, polo que a finais de outubro estará listo. Iso significa que a finais deste ano ou a primeiros do 2022 licitarase a construción da Edar, que é algo moi importante para Burela porque a que temos agora en funcionamento quedou obsoleta hai tempo e necesitamos urxentemente a nova. Así que todas as administracións debemos traballar co obxectivo de ter rematada a Edar no 2023”.