Adxudicado o servizo de residencia e centro de día de Foz
O Concello de Foz vén de adxudicar á empresa CK Séniro Gestión SL o contrato de concesión do servizo de residencia e centro de día por 9,3 millóns de euros. O contrato comprende cinco anos con posibilidade de dúas prórrogas de un ano cada unha.
A licitación saíu polo procedemento aberto de contratación e foi adxudicada á empresa que ofertou unha baixa do 2 por cento respecto aos prezos marcados no estudo de viabilidade económica. Así o prezo das prazas será de 2.012,92 euros para un residente con grado II ou III de dependencia e de 1.630,72 euros para un residente válido ou con grado I de dependencia. O novo concesionario asumirá previsiblemente a xestión o día 1 de xullo.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece o traballo dos técnicos municipais e das empresas que posibilitaron resolver un contrato destas características. “Esta licitación non era a nosa primeira opción. Como goberno queríamos que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar -Xunta de Galicia- asumise a xestión da residencia, edificio da súa propiedade que ademais correspóndelle como competencia. Non foi posible por unha pinza do Partido Popular, unha chantaxe que nos obrigaba a botar fóra aos usuarios e aos traballadores da residencia. A falta de responsabilidade provocou un aumento de prezos aos residentes, esa é a realidade”, explica o rexedor municipal.
O alcalde quere mandar unha mensaxe positiva e de tranquilidade: “o Concello de Foz é garante do benestar dos usuarios. Aqueles residentes que teñan pensións inferiores aos prezos resultantes da adxudicación e que non dispoñan de patrimonio para afrontar os custes poderán recibir unha axuda de emerxencia social deste Concello. Non imos deixar a ninguén fóra, é o noso compromiso”. Un compromiso que agarda que teña o seu reflexo na Xunta de Galicia: “o novo convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar foi asinado o 19 de xaneiro do ano 2023. Nel a Xunta de Galicia comprométese a transmitirlle ao Concello de Foz a titularidade do edificio da residencia, pero despois de case ano e medio non temos ningunha noticia. Tampouco dunha achega que o xerente do Consorcio comprometeu diante de membros de todos os partidos da corporación municipal para arranxar deficiencias da construción do edificio. Precisamos máis prazas, necesitamos que se asuman competencias. Non queremos ser máis, pero tampouco menos que ninguén e imos esixir que cadaquén cumpra as súas obrigas e compromisos”.
Fran Cajoto anuncia que nos vindeiros días solicitará unha reunión coa Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para reclamar o cumprimento do convenio asinado polo Consorcio e para tratar outros temas de interese do Concello de Foz.