Adxudicadas as obras dunha nova senda peonil á saída de Xove cara a Cervo
A actuación dará continuidade ás beirarrúas existentes, mediante a execución dunha senda de formigón de 1,80 metros de ancho.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras dunha nova senda peonil na estrada LU-862, á saída do núcleo de Xove cara a Cervo.
A actuación, adxudicada á empresa Construcciones Isidro Otero SL por un importe de máis de 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas. O novo itinerario desenvolverase entre os puntos quilométricos 96+220 e 96+450 pola marxe dereita da vía.
Darase continuidade ás beirarrúas existentes, que rematan no punto 96+220, mediante a execución dunha senda de formigón de 1,80 m de ancho.
Para iso, demolerase o pavimento existente para proceder logo á pavimentación das beiravías con 25 centímetros de saburra de canteira e formigón continuo con mallazo.
Tamén se prevé a canalización de tubo de drenaxe de 400 mm de diámetro e a execución de 8 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.
A Xunta continúa dotando as vías autonómicas de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer os desprazamentos a pé dos peóns, que son usuarios vulnerables das estradas