Adxudicadas as obras da antiga escola de Santa María Maior de Mondoñedo

AMariñaXa
A Xunta de Goberno mindoniense adxudica as obras de adecentamento da antiga escola Santa María Maior por valor de 31.250 euros.
Casa Escola Mondonedo
9 Xuño 2021

A Xunta de Goberno mindoniense adxudica as obras de adecentamento da antiga escola Santa María Maior por valor de 31.250 euros. Deste xeito, tal e como indican dende a entidade local, o Concello continúa co seu compromiso de por en valor os centros e espazos do rural, “co fin de que recuperen a súa actividade como lugar de encontros e de dinamización”.

O inmoble que se pretende rehabilitar data de 1965. Está constituído por unha edificación de planta baixa e planta primeira. Na baixa sitúase a antiga escola, actualmente utilizada como local veciñal, mentres que a primeira está sen uso. Trátase dunha única propiedade, sen división horizontal. 

Descrición das obras

O prazo de execución dos traballos é de 3 meses. Consisten na reparación da cuberta de lousa e da propia estrutura do inmoble; substitución da carpintaría exterior en formigón; rehabilitación da porta de entrada; colocación de contraventás interiores de madeira nas zonas onde non existen e restauración das existentes nas fachadas principal e traseira; instalación nova do subministro eléctrico en toda a vivenda; pintado exterior das fachada e da vivenda; renovación da fontanería; e saneamento do cuarto de baño e a cociña, ademais da colocación de novas pezas sanitarias na primeira das instancias.

0.15870690345764