Adxudicada en Mondoñedo a mellora da seguridade peonil na antiga N-634

AMariñaXa
Mondoñedo adxudica o contrato da mellora da seguridade viaria peonil na antiga N-634, que actualmente carece de iluminación.
Marxe da N 634 en Mondonedo
31 Xul 2022

Permite cumprir un dos obxectivos do goberno local de acondicionar este treito que, na actualidade, carece de iluminación, de beirarrúas e de beiravías, reforzando así o Camiño Norte e o patrimonio histórico e medioambiental.

O Concello de Mondoñedo vén de adxudicar definitivamente a mellora da seguridade viaria peonil na antiga N-634 a Sergonsa Servicios SL por valor de 261.939 euros. Esta actuación, que se enmarca no convenio asinado pola entidade local e a Xunta de Galicia, a través das Axencias Galega de Infraestruturas e de Turismo de Galicia, permite cumprir un dos obxectivos do goberno local de acondicionar este treito, situado en pleno Camiño Norte, pero que carece de iluminación, de beirarrúas e de beiravías. Esta obra é unha débeda histórica que permite ganar en seguridade e tamén mellorar esteticamente unha das entradas da cidade e do camiño norte.

Unha vez adxudicada, as obras prevén o seu inicio a finais de agosto.

Deste xeito, o goberno local dá continuidade ao seu compromiso de seguir acondicionando os espazos da localidade, sobre todo, aqueles que precisan unha actuación urxente como é este caso. Segundo rexe o acordo, a achega económica dos organismos autonómicos efectuarase en dúas anualidades.


Reforzo do Camiño Norte

“Reforzamos o Camiño Norte, ao seu paso pola localidade, pois o último treito, da N-634, de titularidade municipal, é o tramo inmediatamente anterior á entrada na zona urbana do municipio”. Neste senso, apuntan dende o goberno local, “tamén contribuímos á posta en valor do noso patrimonio histórico e das paisaxes existentes, que están incluídas na Reserva da Biosfera”.

Os obxectivos que se perseguen coas obras proxectadas son unha mellora da seguridade peonil viaria en xeral e, en particular, orientada ao tránsito peonil, xa sexan habitantes e veciño, ou peregrinos usuarios desta ruta xacobea. “Grazas á Xunta de Galicia converteremos esta antiga estrada, destinada a vehículos, nun acceso a Mondoñedo polivalente onde as persoas teñan o protagonismo que se merecen”, engaden.

As actuacións a realizar son as seguintes: ampliación da explanada, para o que son necesarios muros de perpiaño; canalización e ampliación de drenaxe; alumeado; e pavimentación da beiravía en aglomerado e beirarrúa en formigón desactivado.

0.11509895324707