Adxudicada a rehabilitación integral do Ceip Plurilingüe Pedro Caselles Rollán en Xove

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
27 Maio 2020

Vanse facer melloras de rehabilitación enerxética do Ceip Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, en Xove, por un importe de 670.148,82 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos estarán centrados na mellora da eficiencia enerxética do colexio, así como en garantir unha mellor funcionalidade e confort para o alumando e profesorado. Para iso están programadas obras tanto no exterior como no interior do edificio.

Así na fachada, instalarase un novo illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS e na cuberta, sobre forxado horizontal ou nos falsos teitos, lá de roca. Ademais renovaranse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre, e colocaranse tamén novas persianas de aluminio (coas súas caixas e mecanismos de accionamiento) inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. Procederase tamén á instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética.

“Todas estas medidas combinadas supoñen” –segundo explicou o delegado- “un aforro enerxético anual do 35,2% en consumo de enerxía primaria e do 38,0 % en emisións de CO2”.

Por outra banda, xa no interior do colexio acometerase a reparación e pintado de teitos e paredes, así como diversos traballos de decoración e acabado e reparacións varias en cubertas e instalacións, o que implicará a renovación e modernización integral de todos os espazos.

Segundo as previsións que manexa a Xunta, as obras realizaranse no verán e estarán listas para o inicio do curso escolar. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.

0.20902299880981