Adxudicada a execución das obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a execución das obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, por un importe duns 3 millóns de euros.
6 Maio 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a execución das obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, por un importe duns 3 millóns de euros.

Esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 18 meses, foi adxudicada á empresa Espina & Delfin, S.L, e o obxectivo e comezala este mesmo verán.

Esta intervención ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.

Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. Ademais solucionaranse os problemas detectados na actual depuradora, que xestiona o Concello, pois as deficiencias na súa conservación e mantemento fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista.

Ao tratarse da mellora e intervención na depuradora que xa está en funcionamento, a medida que se executen as distintas actuacións iranse poñendo en servizo, procedéndose, ao final, ás probas para que todo funcione correctamente.

Trátase dunha actuación estratéxica para Viveiro e a súa ría que incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas.

Esta ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro contribuirá a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro.

A Xunta tamén está a ultimar o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, que inclúe a execución do novo emisario e retirada do antigo, novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro, cun orzamentos duns 3,5 millóns de euros.

O Executivo autonómico está a impulsar estes proxectos hidráulicos que suman un investimento de máis de 7 millóns de euros para axudar ao Concello nas súas competencias municipais e conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes.

0.19709491729736