Advirten de que a residencia de maiores de Ribadeo carece da correcta certificación da instalación do gas

TerraChaXa | AMariñaXa
O deputado e concelleiro popular Daniel Vega pregúntase como é posible que a residencia de maiores de Ribadeo estea aberta sen a correspondente certificación da correcta instalación do gas nas súas instalacións.
13 Jul 2019

O deputado e concelleiro popular Daniel Vega pregúntase como é posible que a residencia de maiores de Ribadeo estea aberta sen a correspondente certificación da correcta instalación do gas nas súas instalacións. Polo tanto, esíxelle explicacións a Fernando Suárez ante esta situación e tamén ante a marcha de dúas traballadoras da residencia da terceira idade.
O popular non entende que “Suárez Barcia teña inaugurado estas instalacións nun cerimonioso acto no que non faltou o corte da cinta; pero agora non dea explicacións aos veciños e veciñas sobre o funcionamento do centro e, máis concretamente, sobre a falta de certificación da instalación do gas”.
Vega engade que “ao non contar coa certificación da instalación do gas, os usuarios e usuarias da residencia sofren as consecuencias. Por unha banda, é preciso facer uso dun servizo de cátering para a comida e, por outra, non contan tampouco cun axeitado servizo de lavandería ao non funcionar a secadora nin a plancha”.
Igualmente, o voceiro do Grupo Municipal do PP ribadense considera que “Fernando Suárez ten que explicar por que deixaron xa os seus postos dúas traballadoras”. Entre outras moitas preguntas, Vega cre que “os ribadenses debemos coñecer se se cumpre o ratio de persoal (traballador/usuario)”.

0.16321611404419