Adoptadas as medidas necesarias para evitar menoscabos no Servizo de Gardacostas durante a folga

TerraChaXa | AMariñaXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou no Parlamento que a Xunta xa adoptou, e vai seguir adoptando, todas as medidas necesarias para evitar que haxa menoscabos no servizo aéreo de salvamento marítimo en Galicia ante a folga convocada polo persoal da empresa concesionaria do servizo.
17 Xuño 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou no Parlamento que a Xunta xa adoptou, e vai seguir adoptando, todas as medidas necesarias para evitar que haxa menoscabos no servizo aéreo de salvamento marítimo en Galicia ante a folga convocada polo persoal da empresa concesionaria do servizo. O Executivo galego, dixo, velará porque se manteñan as condicións do servizo e garantir que se siga desenvolvendo “co mesmo rigor e calidade que ata agora”.
Nesta liña, a titular de Mar lembrou que o seu departamento xa fixou uns servizos mínimos do 100% o pasado 16 de maio, mediante unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia, que afectan ao relativo á execución do contrato subscrito coa Consellería do Mar para o desenvolvemento de actuacións relacionadas co salvamento marítimo.
Eses servizos mínimos blindan a actividade dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia posto que o salvamento marítimo ten prioridade en relación co dereito á folga ao tratarse de emerxencias nas que están en xogo o dereito á vida e a integridade física das persoas. Por este motivo, as unidades aéreas que prestan este servizo deben permanecer operativas na súa totalidade co obxectivo de facer fronte con suficientes garantías ás emerxencias marítimas que puidesen xurdir durante o período de folga.
Rosa Quintana tamén detallou que xa recibiu en dúas ocasións, unha delas previa fixación dos servizos mínimos de cara á folga, aos representantes dos traballadores afectados para coñecer de primeira man as demandas que están a formular á empresa. Ademais, o seu departamento mantén contactos case diarios con eles. “Estas xuntanzas e contactos, xunto a un seguimento continuo por parte dos responsables da Subdirección de Gardacostas e a Secretaría Xeral Técnica, son a fórmula para verificar a cada paso que se cumpre a legalidade vixente e o contrato subscrito”, indicou a titular de Mar.
A representante do Executivo galego apelou ademais ao diálogo como a mellor fórmula para chegar a un entendemento entre as partes -a empresa concesionaria do servizo e os traballadores- e acadar unha solución a este conflito, que é totalmente alleo á Xunta pero. Nese sentido, pediu responsabilidade a todas as partes para acadar unha saída satisfactoria que permita manter a calidade do servizo e defenda a profesionalidade dos traballadores.

0.09511399269104