Adamo avanza no despregue da fibra óptica en todo o termo municipal de Cervo
O Concello de Cervo e a operadora Adamo seguen a traballar intensamente para implantar a fibra óptica coa velocidade máis rápida de España (1000 Mb) en todo o termo municipal.
A administración local e esta operadora subscribiron un convenio de colaboración no que se marcan ese obxectivo, “que culminará a comezos de ano”, tal e como explicou a rexedora, Dolores García Caramés, “cando o conxunto da veciñanza do noso municipio, tanto da zona rural como urbana, poderá ter acceso a este servizo, e unha conexión a internet adecuada aos tempos que suporá un importante salto cualitativo na capacidade e na velocidade de acceso a Internet dos fogares cervenses, como servizo clave para o desenvolvemento social e empresarial da zona nun intre no que a conexión a internet é, ademais, algo esencial”.
A rexedora e o edil de Innovación, Emprendemento e Zona Rural, Adrián Arias, mantiveron un novo encontro coa responsable de zona de ADAMO, Mónica Expósito, para avaliar e analizar como está a avanzar o despregue da fibra, que comezara polos núcleos de Cervo e San Ciprián, e que xa vén de dar servizo ás parroquias de Sargadelos e San Román; e que continuará agora por outras zonas “escuras” como Trasbar, Rúa, Castelo ou A Senra “para garantir o 100% da cobertura a comezos de ano”, porque o obxectivo é que a banda longa chegue a toda a veciñanza, con especial atención á zona rural.
A veciñanza que precise de máis información ao respecto pode poñerse en contacto co teléfono 601 40 86 20.