Adif inviste 3,7 millóns de euros na mellora da infraestrutura ferroviaria

Foz
AMariñaXa
Os traballos centraránse na consolidación de trincheiras entre Ortigueira e Burela para reforzar a seguridade e fiabilidade do servizo ferroviario na comarca
Tren-liña-Ortigueira-Ribadeo-adif
12 Feb 2025

Adif impulsa unha nova inversión na rede ferroviaria de ancho métrico en Galicia coa licitación, por un importe de 3,7 millóns de euros, de actuacións para reforzar e consolidar diversas trincheiras no tramo comprendido entre Ortigueira e Burela (55 km), entre as provincias da Coruña e Lugo.

As operacións estenderanse ao longo de 40 km de trincheiras, conferindo maior fiabilidade á infraestrutura ferroviaria e minimizando posibles afectacións á circulación dos trens.

O contrato inclúe traballos de roza e limpeza, para posteriormente sanear e suavizar a pendente dos taludes, dotándoos de maior estabilidade mediante selados en zonas puntuais. Ademais, instalaranse mallas protectoras en macizos rochosos con risco de fractura e construiranse cunetas revestidas para reter os materiais que puidesen desprenderse. Finalmente, tamén se actuará nos sistemas de drenaxe lonxitudinal da vía, mellorando a evacuación da auga de escorrentía.

Investimentos na rede de ancho métrico de Galicia

Adif promove diversas actuacións na rede de ancho métrico de Galicia, desde Ferrol a Ribadeo. Actualmente, atópase en fase de adxudicación a modernización e mellora de andéns e accesos en sete estacións do tramo Ferrol-Ortigueira (53 km), para incrementar as condicións de accesibilidade.

Esta actuación, licitada por 5,3 millóns de euros, súmase á posta en servizo, en 2023, dun novo sistema de regulación do tráfico ferroviario no tramo mediante un bloqueo automatizado, cun investimento global de 15,5 millóns de euros.

En paralelo, Adif xa está a executar a obra de automatización dos sistemas de regulación do tráfico no tramo Ortigueira-Ribadeo, que, cunha lonxitude de 100 km, completa a rede de ancho métrico en Galicia.

Estas actuacións contribúen á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 9, en especial ás súas metas 9.1 (desenvolver infraestruturas fiables) e 9.4 (modernizar a infraestrutura).

0.10272908210754