ADEGA rexeita a ampliación da balsa de lamas de ALCOA en Xove e pide o seu peche

AMariñaXa
A entidade ambiental considera que o proxecto prolonga o risco ata máis aló de 2033 e denuncia o uso dunha autorización ambiental “obsoleta”
Balsa-lodos-Alcoa-recrecido-
1 Apr 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) vén de presentar alegacións ao proxecto promovido por ALCOA para ampliar a capacidade da balsa de lamas vermellas situada en Xove, unha infraestrutura que a empresa pretende manter operativa máis aló do ano 2033. A organización ecoloxista cualifica esta iniciativa como unha “fuxida cara adiante” que prolonga a incerteza e o risco ambiental sobre a comarca da Mariña.

Segundo expón ADEGA, a historia desta instalación está marcada por sucesivas ampliacións ao longo das últimas décadas, motivadas polas necesidades do proceso produtivo. Dende os primeiros recrecementos nos anos 80 e 90, pasando polos proxectos autorizados en 2006 e máis recentemente en 2025, a empresa foi elevando progresivamente a capacidade do depósito. Porén, a entidade critica que estas actuacións responden a previsións erradas sobre o volume de residuos xerados, o que derivou nunha cadea de modificacións continuas.

O novo proxecto pretende elevar a cota da balsa ata os 106 metros, seis máis do que contemplaba o plan aprobado máis recentemente e que aínda se atopa en execución. Esta ampliación permitiría estender a vida útil do depósito varios anos máis, unha decisión que ADEGA considera inxustificada á vista dos antecedentes.

Outro dos aspectos que centra a crítica da organización ecoloxista é o cambio na consideración dos residuos almacenados. Durante a tramitación do último proxecto, as lamas vermellas pasaron a ser clasificadas como residuos perigosos, con propiedades irritantes e corrosivas. Este feito obrigou a revisar os plans de emerxencia e supuxo a reclasificación da balsa como instalación de maior risco.

Porén, segundo denuncia ADEGA, o complexo industrial continúa operando cunha Autorización Ambiental Integrada (AAI) que non reflicte esta nova realidade, ao considerar aínda os residuos como non perigosos e a balsa como unha instalación de menor categoría. A entidade entende que esta situación implica unha falta de adaptación ás condicións actuais e unha insuficiente avaliación dos riscos ambientais.

Nas súas alegacións, ADEGA solicita á Xunta de Galicia que non autorice a nova ampliación e que obrigue á empresa a proceder ao peche e selado da balsa unha vez acade a cota actualmente permitida. Ademais, reclama a revisión de oficio da AAI para adecuar os controis e límites de contaminantes á perigosidade real dos residuos, facendo especial fincapé na presenza de fluoruros.

A organización conclúe que non é aceptable manter en funcionamento unha instalación destas características baixo unha normativa que considera desfasada e excesivamente permisiva, e insiste na necesidade de priorizar a seguridade ambiental e a protección da contorna.

balsa-lodos-alcoa-aerea
0.12088394165039