Adega organiza unha xornada de voluntariado para limpeza de praias en Barreiros
A asociación ecoloxista Adega fai unha nova convocatoria á sociedade galega a participar en varias limpezas de praias simultáneas ante a marea de granulados plásticos que segue chegando ás costas de Galicia. Estas accións terán lugar o próximo sábado, 20 de xaneiro, en areais de Cangas e Muros, onde se conta co apoio dos concellos, e Barreiros, limpeza coa que colabora o Concello de Lugo.
En concreto, a limpeza no concello de Barreiros terá un carácter formativo e estará dirixida, sobre todo, a aquelas persoas que teñan interese en coordinar futuras accións de voluntariado para a retirada de microplásticos e outro lixo mariño dos areais. Este carácter formativo responde á necesidade de achegar ao voluntariado instrucións precisas e claras de como se debe de actuar para realizar unha limpeza adecuada de residuos e, particularmente, dos granulados de microplástico que asolan as nosas costas.
O Concello de Lugo, que financia esta actividade, porá a disposición das persoas participantes un autobús con saída de Lugo ás 10.00 horas e hora estimada de regreso ao mesmo punto da cidade ás 15.45 horas.
O persoal de Adega que coordinará estas actividades poñerá a disposición de todas as persoas participantes un protocolo de limpeza do lixo mariño, con especificacións concretas para a retirada adecuada de granulados de microplástico das praias, o seguro e o material necesario para o desenvolvemento da limpeza con todas as medidas de seguridade.
As prazas para calquera das tres xornadas son limitadas e o voluntariado interesado en participar xa pode inscribirse a través dos seguintes formularios limpeza de praias en Cangas/Muros e en Barreiros.
Unha vez aceptadas as solicitudes, as persoas voluntarias recibirán por correo electrónico toda a información específica sobre os puntos de encontro e as praias concretas nas que se actuará.