ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos na Mina Romana da Espiñeira por novos traballos mineiros

Foz
AMariñaXa
As entidades reclaman á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que paralice as obras en Vilaronte e investigue a posible falta de autorización por parte da empresa Euroarce Caolines
espineira-foz-mina-romana-(2025)
28 Oct 2025

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos desmontes e movementos de terra vinculados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz. As organizacións aseguran que estas actuacións, atribuídas á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido pola DXPC e polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.

Segundo sinalan, os traballos estanse a realizar dentro da contorna de protección arqueolóxica e poderían estar causando danos directos nunha das estruturas máis relevantes do xacemento: unha canle de evacuación da antiga explotación aurífera, xa identificada e documentada en informes científicos.

Esta canle fora descrita en 2019 nun estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), elaborado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia, no que se delimita a área correspondente á mina romana e se detallan as súas canles de drenaxe. Ademais, un informe máis recente, encargado pola propia Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer en marzo de 2025, confirma esa delimitación e inclúe na planimetría o mesmo tramo como parte integrante da antiga explotación.

ADEGA e Mariña Patrimonio advirten de que os traballos poderían estarse desenvolvendo sen a autorización preceptiva da DXPC e sen o control arqueolóxico obrigatorio que marca a lexislación. Por iso, solicitan á administración autonómica que ordene a paralización inmediata das obras, realice unha inspección urxente na zona e, se se confirma a falta de autorización, inicie un expediente sancionador contra a empresa responsable.

As entidades reclaman tamén que se adopten medidas para reparar os posibles danos xa ocasionados na Mina Romana da Espiñeira, un enclave de gran valor histórico e patrimonial que consideran “un testemuño singular da minería antiga na Mariña lucense”.

⚙ Configurar cookies
0.079144954681396