ADEGA atribúe á laxitude da Xunta a vertedura que arrasou o río Landro

AMariñaXa
A asociación ecoloxista denuncia unha normativa ambiental permisiva e esixe responsabilidades pola morte de fauna e as restricións de auga en Viveiró
Viveiro-rio-Landro
9 Jun 2025

A asociación ecoloxista ADEGA considera que a grave vertedura de xurros que afectou o pasado xoves, 5 de xuño, ao río Landro, ten a súa orixe non só na rotura dunha bolsa de almacenamento dunha granxa porcina de Viveiró (Muras), senón tamén no que cualifican como un modelo laxo de control ambiental promovido pola Xunta de Galicia.

Segundo informa ADEGA, a bolsa rebentada liberou arredor dun millón de litros de residuos líquidos que se desprazaron polas cabeceiras do Landro ata a súa desembocadura, provocando unha mancha que se estendeu con rapidez polo leito do río. A organización alerta de que este vertido provocou unha mortaldade xeneralizada de troitas, peixes e outras especies piscícolas, ademais de ocasionar restricións no abastecemento de auga en Viveiró e a prohibición do baño en zonas costeiras.

A entidade ecoloxista entende que, máis alá das posibles responsabilidades individuais do propietario da granxa, que deberán depurarse nun proceso administrativo, existen tamén responsabilidades institucionais. En concreto, sinalan á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, á que acusan de permitir a proliferación destas explotacións mediante simples declaracións de incidencia ambiental. Estes trámites, segundo ADEGA, "limítanse a unha memoria presentada pola persoa titular sen esixencia real de estudos sobre os riscos de accidentes coma o que agora se produciu”.

Para a asociación, a administración autonómica “resolve favorablemente estas avaliacións ambientais sen obrigar a estudar a localización das explotacións nin a implantar medidas de protección eficaces fronte a verteduras”. Consideran que esta permisividade institucional contribúe directamente a que se produzan incidentes que poñen en risco a biodiversidade e a saúde das persoas.

ADEGA esixe unha investigación rigorosa das causas do vertido, coa correspondente imposición de sancións e a obriga de restaurar os danos causados no ecosistema. Reclaman tamén unha maior esixencia normativa á hora de avaliar e autorizar este tipo de instalacións, co fin de previr riscos ambientais como o agora detectado no Landro.

“Non podemos seguir permitindo que actividades con potencial contaminante se autoricen mediante trámites superficiais, sen garantías para o medio natural nin para a veciñanza”, conclúen desde a entidade ecoloxista.

⚙ Configurar cookies
0.16391706466675