Acusan ao alcalde de Ribadeo de levar dezaséis anos sen interesarse polo abastecemento da auga

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, cre que “para Fernando Suárez o abastecemento de auga non é un tema prioritario”.
11 Sep 2019

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, cre que “para Fernando Suárez o abastecemento de auga non é un tema prioritario”. Vega asegura, nese sentido, que “nos 16 anos que leva no Goberno local, o nacionalista non se interesou por solucionar os problemas de roturas da canalización e de presión de auga do abastecemento municipal”.

Trátase dunha traída canalizada dende un depósito de Vilarbetote a través de tubaxes de fibrocemento que sofren roturas de forma habitual; pero, ademais, “tanto os veciños e veciñas do casco urbano de Ribadeo coma das parroquias do rural ribadense sofren problemas coa presión de auga que, en ocasións, non é suficiente para o normal desenvolvemento de labores habituais nunha vivenda”. Así, o popular lamenta que “as consecuencias da desidia de Fernando Suárez as teñan que pagar os ribadenses”.

Tendo en conta que o abastecemento de auga é competencia municipal e que, nese caso, non pode botar as culpas a outras administracións; Daniel Vega pídelle a Fernando Suárez que “dea explicacións aos veciños e veciñas de Ribadeo sobre o motivo polo que impediu no 2014 a mellora do abastecemento cando a Xunta dispoñía dos proxectos e os fondos europeos e propios para cofinanciar as obras”.

O popular sinala que “naquel momento o alcalde do BNG bloqueou o avance do proxecto ao non poñer a disposición da Xunta os terreos para a construción de novos depósitos de captación de auga”. Vega considera “moi grave” a perda de fondos para o desenvolvemento destas melloras para as que a Xunta continúa a disposición do Concello. Aínda así, tal e como explica Vega, o abastecemento de auga é competencia municipal e, polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular pedímoslle implicación para solucionar os problemas de abastecemento da auga”.

É máis, Vega sinala que “o Concello tamén recada impostos de tódolos ribadenses e, polo tanto, pode investir orzamento propio para contribuír a facer realidade estas melloras canto antes. E, como sempre defendo, tamén pode recorrer o Goberno local á colaboración institucional”. Con todo, o voceiro do PP dubida que iso sexa posible; xa que “a pesar de que a administración autonómica sempre está disposta a debater os asuntos de Ribadeo como demostra a diario; mentres que a actitude de crispación de Fernando Suárez dificulta a colaboración entre administracións para o desenvolvemento de proxectos en beneficio dos ribadenses”.

O popular contrapón, nese sentido, a falta de investimento por parte do Goberno local do BNG para a mellora do abastecemento de augas que é de competencia municipal coas achegas que realiza o Goberno da Xunta en beneficio de Ribadeo sen pedir colaboración ao Concello.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18040895462036