O deporte, a saúde e a tecnoloxía protagonizan as propostas do programa Xunt@s en Foz

Foz
AMariñaXa
A vila focega e as parroquias de Cangas e Vilaronte acollerán actividades do programa Xunt@s, promovido pola Deputación de Lugo para impulsar a participación cidadá e o asociacionismo na nosa provincia.
ana_rojo_foz
30 Abr 2024

A vila focega e as parroquias de Cangas e Vilaronte acollerán actividades do programa Xunt@s, promovido pola Deputación de Lugo para impulsar a participación cidadá e o asociacionismo na nosa provincia. “Novamente comezamos coas xornadas de prevención e promoción da saúde, retomamos a charla de envellecemento activo e prevención das patoloxías psicolóxicas e cognitivas, charla que tivo que ser suspendida a comezos deste mes de abril”.

Será o día 3 de maio, de 18 a 20 horas no salón de actos da Casa de Cultura de Foz. A seguinte xornada tratará sobre a saúde ósea e prevención da osteoporose, sarcopenia (perda masa muscular, problemas de equilibrio) e prevención das caídas, que será impartida pola doutora Noelia Álvarez Rivas, reumatóloga do Hospital da Costa, no salón de actos da casa de cultura o día 8 de maio na mesma franxa horaria de 18 a 20 horas.

Ademais haberá xornadas con actividades grupais de deporte, como ximnasia de mantemento, con exercicios para gañar forza e flexibilidade, traballando os diferentes grupos musculares. Esta actividade impartirase no centro cívico da ¡parroquia de Cangas a partir do 8 de maio dous días á semana, mércores e xoves, en horario de 17 a 18 horas, durante os meses de maio e xuño.

Curso de smartphone

Tamén se impartirá un curso básico de smartphone (TIC) no centro cívico da parroquia de Vilaronte os días 2 e 3 de maio, en horario de 11 da mañá a 13 horas. Trataranse diversas materias moi interesantes: como conectarse a unha wifi, utilidade da aplicación Sergas móbil para pedir citas médicas, fotos, audios e mensaxes de texto por WhatsApp ou Facebook. Búscase rachar a brecha dixital, favorecendo un maior aproveitamento desta ferramenta tecnolóxica, e sacarlle un mellor partido ó noso móbil.

Todas estas xornadas e actividades son de carácter gratuíto e poden participar veciños de todas as parroquias. “Son unha iniciativa provincial que xurde para promover actuacións grupais nos concellos, que van encamiñadas para que sirvan como reforzo individual para combater a soidade, o estrés ou a ansiedade, mellorando a sociabilidade cara a un mellor benestar psicolóxico da poboación”, explica o alcalde, Fran Cajoto

Esperan unha boa participación, “que sexa do agrado e interese de todos e poder desfrutar de actividades nas que se reforcen os arraigamentos e promovan os encontros entre a veciñanza. Agradecemos á Deputación de Lugo a promoción destas actividades que reverten directamente sobre a poboación e o seu benestar físico e psíquico”, remata o rexedor municipal.

0.1248619556427