Actívase o Plan Invernal de estradas na provincia
A Xunta ten activou onte o Plan de vialidade invernal na provincia de Lugo, cun dispositivo de 87 profesionais e 1.740 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.
Os 6 centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecerán en servizo desde hoxe, día 1 de novembro, e ata o vindeiro 30 de abril. A Xunta dispón dun centro operativo na zona norte, en Xermade, que ten subcentros en Mondoñedo e no Cádavo; e outro na zona sur, no Incio, con subcentros en Monforte e en Lugo.
O plan tamén inclúe na provincia de Lugo un dispositivo de 58 máquinas, entre elas, camións, retros, ademais de cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.
Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa. Dentro deses 1.500 km da rede na provincia, prestarase especial atención aos case 400 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.
O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.
No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 390 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas da Xunta, con 80 vehículos e máis de 100 accesorios a disposición. Ademais, mobilízanse preto de 5.400 toneladas de fundentes, 200 máis que o ano anterior.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.
O Goberno galego destina cada ano un investimento duns 50 millóns de euros para a conservación das vías de titularidade autonómica, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.
No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia de Lugo.