Activadas alertas laranxa e vermella en Galicia por fenómenos meteorolóxicos adversos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
AEMET seguirá monitorizando a situación nas próximas horas e actualizando as alertas segundo evolucione o fenómeno
aemet-28-xaneiro
27 Jan 2025

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) anunciou a activación de alertas laranxa e vermella en diferentes puntos de Galicia para a xornada de mañá debido á borrasca Herminia pois poderían causar importantes afeccións.

As previsións apuntan a fortes ventos que poderían chegar aos 100 km/h, especialmente nas zonas costeiras, onde se espera mar combinado do noroeste con ondas que poderían alcanzar os 8 metros de altura. Por este motivo, a alerta vermella estará activa en gran parte do litoral galego, mentres que no interior e nas zonas montañosas manterase o aviso laranxa por refachos intensos.

Ademais, espéranse precipitacións que poderían deixar acumulacións de auga significativas, afectando principalmente as provincias da Coruña e Pontevedra, onde as chuvias poderían ser máis persistentes. Estas condicións poderían ocasionar inundacións en áreas de risco, polo que se recomenda extremar as precaucións.

Os efectos da borrasca remitirán a últimas horas do martes, pero a inestabilidade podería seguir ao longo da semana. Malia que despois chegará outra borrasca que ente o mércores e o venres irá deixando precipitacións de oeste a este e que chegarán con máis contundencia ao Mediterráneo. A borrasca é máis pequena que Herminia pero iso non lle impedirá achegarase ata a costa do Cantábrica.

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior instan á poboación a evitar desprazamentos innecesarios, asegurar obxectos que poidan ser desprazados polo vento e seguir as recomendacións das autoridades. Os profesionais do mar e as persoas que habiten preto do litoral tamén están chamadas a extremar a prudencia debido ás perigosas condicións marítimas.

AEMET seguirá monitorizando a situación nas próximas horas e actualizando as alertas segundo evolucione o fenómeno. Recoméndase estar pendente dos boletíns meteorolóxicos e evitar actividades ao aire libre durante o pico das condicións adversas.

0.15965795516968