Activada a alerta laranxa por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra e, amarelo na Mariña

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Suspendida a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados
temporal-A-Mariña
21 Feb 2025

A Xunta de Galicia activará mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, notificou a situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos afectados, así como ás deputacións, servizos provinciais, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros organismos.

Ante este escenario, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión de toda a actividade deportiva federada no mar durante a xornada do martes nos municipios afectados polo temporal.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno adverso comezará á medianoite no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose ao longo da mañá ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra. Prevese vento do sur ou suroeste de ata forza 9 e mar combinada con ondas que poderían alcanzar os seis metros. Na Mariña lucense, o aviso será de nivel amarelo.

A Xunta insta á cidadanía a extremar as precaucións e evitar achegarse á liña de costa, como diques, rompentes e paseos marítimos. Recoméndase revisar os amarres das embarcacións e retirar obxectos que poidan caer á vía pública desde tellados, balcóns ou fiestras. Ademais, recoméndase non circular preto de edificios en ruínas ou en construción, árbores, paneis publicitarios e outros elementos susceptibles de ser desprazados polo vento.

Para un seguimento actualizado da situación meteorolóxica, pódese consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que ofrece información detallada e ligazóns de interese.

0.15256714820862