Activada a alerta amarela por vento na Mariña lucense

AMariñaXa
O fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h con ventos de compoñente sur
temporal-A-Mariña
8 Jan 2025

A Xunta vén de activar a alerta amarela por vento na Mariña lucense, así como en zonas da provincia da Coruña, a de Pontevedra, e o noroeste e a montaña de Ourense.

Por outra banda, está activado o nivel de aviso tamén laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h con ventos de compoñente sur con ondas de ata 6 metros e vento de forza 8.

Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Con respecto ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados durante a xornada de hoxe.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

0.12105798721313