Activa a alerta vermella no litoral da Coruña e Lugo por temporal costeiro

AMariñaXa | ACoruñaXa
Agárdanse ondas de ata nove metros, principalmente entre Ortegal-Bares e mar adentro
Imaxe dun temporal na Coruña
29 Jan 2025

Activada pola Xunta a alerta vermella por temporal costeiro no litoral da Coruña e Lugo. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella afectará aos litorais da Coruña e Lugo por mar combinada do noroeste con ondas de ata nove metros, principalmente entre Ortegal-Bares e mar adentro. Durante toda a xornada todo o litoral galego está en nivel laranxa.

Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes mantén para mañá pola mañá a suspensión en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar.

De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

0.1761679649353