ACR Fervenza de Sargadelos: “Os veciños e veciñas son un piar fundamental na asociación”
Por Ana Somoza López.
ACR Fervenza de Sargadelos cumpre 15 anos con moitas lembranzas.
Como nace a ACR Fervenza de Sargadelos?
Fervenza nace nas longas tardes de café, no Caseto de Copa, e da inquedanza dun grupo de mozos e mozas de Cervo, con ganas de recuperar a esencia da Romaría de Sargadelos. Unha romaría que ninguén quería organizar. Mesmo desde algunhas administracións non interesaba que se levase a cabo debido a que nos últimos anos se convertera nunha festa pouco motivadora debido ás numerosas incidencias que xeraba. Mais ao se tratar dun festexo lonxevo Fervenza decidiu recuperar a esencia dunha romaría esquecida e abandonada.
Por que ese nome?
O nome vén da presa do río Xunco que hai no coñecido Paseo dos Namorados. Trátase dun lugar máxico, emblemático e de referencia do noso concello, así que foi sinxelo chegar a un acordo.
Con que motivación xorde?
Como xa comentamos antes, a asociación xorde co motivo de recuperar e organizar a Romaría de Sargadelos, a cal non podíamos deixar desaparecer. Era a festa da xuventude tanto do noso concello como da veciñanza de Burela e da bisbarra. Outro dos obxectivos era poder contar coa cultura galega, co xantar de romaría e con música ao vivo de diferentes estilos musicais. Desta forma, co noso primeiro lema “Volta á orixe”, a asociación foi pioneira en apostar por lle dar á música galega e en directo o maior protagonismo do programa nunhas festas populares, algo que na altura non era habitual na zona.
Así, pisaron o torreiro da festa da Romaría de Sargadelos grupos como A Quenlla, A Roda, Treixadura, Berroguetto ou A Requinta da Laxeira. Cómpre salientar tamén que, dentro da programación da romaría, destacaba o ‘Sargadelos Fusión’, un festival precursor na Mariña que reunía bandas de diversos estilos musicais e polo que pasaron Medomedá, Sacha na Horta, Ataque Escampe ou O Leo, e grupos da zona como Mallory, entre outros. En definitiva, unha mestura de estilos que daban pé a grandes noites de festa e boa música para todos os públicos.
Que obxectivos ten?
Os principais obxectivos son dinamizar a nosa localidade e aportar oferta cultural para todos os públicos. Cremos que as institucións non se implican o suficiente na organización de actividades e festas de calidade, e non queremos que Cervo fique con ese baleiro.
Quen está na asociación?
A asociación, presidida por Xosé Fernández Segurado, está formada en gran parte por rapaces e rapazas de Cervo. Aínda que tamén, e de forma altruísta, moita xente decide colaborar con nós para que se poidan levar adiante as actividades e non esmoreza o acadado. Queremos destacar que cada quen ten o seu traballo e sacamos tempo do noso lecer para programar e desenvolver as actividades. Así que toda a axuda é ben recibida e temos que dar as grazas a todas esas persoas que colaboraron connosco todo este tempo, aos establecementos, así como ás administracións públicas, como o Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, que sempre estiveron dispostas a colaborar.
A veciñanza colabora nas actividades e iniciativas?
Os veciños e veciñas de Cervo son un piar fundamental na asociación. De non asistir aos nosos eventos, con certeza que non estaríamos celebrando o décimo quinto aniversario. Ademais, sempre colaboran con nós, por exemplo, na compra e venda de rifas e lotaría, cociñando un chocolate ou unha pota de fabas, asando un chourizo, aportando cousas para os sorteos, axudándonos a recadar diñeiro para a romaría, deseñando o merchandaxe ou facendo algunha actuación nalgunha das actividades. Estaremos sempre agradecidos e agradecidas.
Que actividades fan durante o ano e como ven a asociación no futuro?
Fervenza é unha asociación máis que consagrada, con presente e con futuro. Máis alá da Romaría de Sargadelos que organizamos ata 2015, tamén organizamos eventos culturais para os máis pequenos da casa, como a Noiteboa Infantil ou a festa do Samaín. A partir de 2015, Iria Fernandes Moscoso ten a vontade de colaborar connosco e xorden ideas novas. Así, é quen coordina o Día de Rosalía, rutas, actividades relacionadas co voluntariado ambiental e a Foliada de Cervo, que se celebra no mes de maio. Esta última trátase dun evento consagrado e de referencia na comarca. As Tanxugueiras, Tiruleque ou Radio Cos foron algúns dos grupos de renome que pasaron pola Foliada. Polo tanto, Fervenza ten aínda unha longa vida por diante.
Este ano cumpren 15 anos, algunha actividade especial?
A verdade é que non. O tempo libre do que dispoñemos non é moito debido aos nosos traballos e preferimos continuar coas actividades xa asentadas. Como di o refraneiro popular, máis vale pouco e ben gañado que moito e mal logrado.
Cal é a vosa lembranza máis especial destes 15 anos?
Ramiro Chaves, o vicepresidente, di que un dos momentos máis felices e satisfactorios foi o de recuperar a esencia da Romaría de Sargadelos e que a xente de diferentes xeracións comparte a pé de festa. Ver o conxunto histórico-artístico de Sargadelos ateigado de xente nos concertos de Berrogüetto, A Roda, Treixadura ou A Quenlla non hai diñeiro que o pague. Ver as Tanxugueiras dando un concerto na praza do Souto na foliada de 2019 foi algo que nos marcou e motivou para seguir adiante, e serviunos para termos a certeza de que o traballo estaba ben feito. A xente que vén tocar a Cervo ou a Sargadelos faino encantada e que os veciños e as veciñas agradezan a dedicación e o traballo é o máximo. Ademais, non debemos esquecer que por aquel 2008, cando comezamos este camiño, éramos xente cunha nula experiencia na organización de eventos. Mais persoas como José Manuel González “Chopi”, que contaba con algo de experiencia, fóronnos dirixindo nas diferentes actividades.