Acordo en Ribadeo para o proxecto Life Global e para a renovación de luminarias
O Concello de Ribadeo aprobou en Pleno a proposta para solicitar o proxecto Life Global, a emprender na costa das parroquias de A Devesa, Rinlo e Vilaframil. Trátase da adquisición de 27 parcelas, que ocupan unha superficie de 14 hectáreas, para restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona. E tamén se aprobou a solicitude de axudas ao IDAE para realizar melloras no alumeado público. O investimento total ascendería a 2 millóns de euros e a axuda demandada será do 80%. A
O rexedor contou que “o novo proxecto Life Global segue a estela do proxecto Life Fluvial, que aínda está vixente e co que fomos expropiando nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza para facer actuacións medioambientais. De aí que estivéramos substituíndo eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz”.
Fernando Suárez explicou que “agora neste outro Life que queremos solicitar trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar nas parroquias de A Devesa (singularmente no entorno das Catedrais), Rinlo e Vilaframil. En definitiva propoñeríamos a compra de 27 parcelas, que ocupan unhas 14 hectáreas no seu conxunto, para lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona. Este ambicioso proxecto tamén se levaría a cabo en coordinación con outras comunidades, como Asturias, Castela, Euskadi ou Navarra, a través do IBADER, que é o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela”.
O Pleno acordou tamén solicitar ao IDAE, que é o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha axuda económica de fondos europeos para accións de renovación de todas as instalacións de iluminación pública no Concello, actuación cifrada cun orzamento duns 2 millóns de euros, dos que se solicitaría o 80 por cento, que son 1.600.000 euros de axuda de fondos europeos.