Acondicionado o vial praia de Portocelo a Vilalpol en Xove
O Concello de Xove vén de informar do acondicionamento e mellora do vial praia de Portocelo a Vilalpol. Esta obra parte dun convenio de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Xove para realización de obras de infraestrutura rural.
Tivo por obxecto o acondicionamento e mellora do vial que une a estrada municipal Portocelo-Canelas co núcleo de Vilalpol. O pavimento da mesma atopábase deteriorado debido a súa antigüidade e uso, así como ás inclemencias metereolóxicas; dahí a súa necesidade de rehabilitación.
O vial, que ten unha lonxitude de 912 metros, foi obxecto dunha nova pavimentación cunha capa de rodadura de asfalto en quente. Agora pasa a ter 4 mts. de ancho con varias zonas de sobreancho. Para rematar esta importante obra, procedeuse á sinalización horizontal (pintado) e vertical (sinais verticais) da mesma.
Esta actuación vai permitir uns mellores e máis cómodos accesos á praia de Portocelo e tamén ao núcleo de Vilalpol, acortando as distancias con respecto á estrada que une Vilalpol con Portocelo.
A obra, que contou cun presuposto base de licitación de 48.375,01 €, financiada integramente pola Consellería do Medio Rural, foi executada neste ano 2022.