Acisa sorteará no Ribadeo Indiano unha viaxe a Cuba para dúas persoas

TerraChaXa | AMariñaXa
10 Xuño 2019

Acisa Ribadeo sorteará na sexta edición do Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo, unha viaxe a Cuba para dúas persoas. A asociación anima a todos os establecementos da vila a adherirse a esta campaña, sexan ou non socios da patronal. Esta é unha das novidades nas que traballa Acisa xunto ao Concello de Ribadeo en colaboración con outras entidades.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, explica que “hai unhas semanas comezamos a preguntarlle os asociados qué lles parecería facer o sorteo dunha viaxe a Cuba, e vendo que a día de hoxe son case 100 os establecementos que queren participar na campaña decidimos seguir adiante e levala a cabo”.
Iriarte subliña que “queremos que nesta campaña participen tanto os socios coma os non socios de Acisa, xa que creemos que pode ser un sorteo moi beneficioso para o conxunto dos establecementos da vila e moi atractivo tanto para veciños coma visitantes. Queremos que sexa unha desas campañas nas que non é o comerciante ou hostaleiro quen ten que ofrecer a rifa, se non que sexa o cliente o que a pida e pida moitas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade que “esta campaña ten un custe moi elevado para a nosa asociación por iso de maneira excepcional é a única vez na que dende Acisa temos que cobrar para participar. O custe de adhesión a este sorteo é de 25 euros, dos que os asociados pagan só 10 euros e os outros 15 son asumidos pola asociación, por seren membros da mesma. A data límite para adherirse é o 21 de xuño. O único que ten que facer calquera establecemento, repito, socio ou non de Acisa é mandar un mail a info@acisaribadeo.es ou mandar un Whatsapp o móbil 663 396 226 ou chamar o 982 120 565 ou tamén pasando pola nosa oficina na C/Viejo Pancho, 13 – baixo e comunicar o seu interese en participar”.
Pérez anima “a socios e non socios a participar ou a contactar con nos se teñen algunha dubida. Por ese pequeno custe van ter todas as rifas que queiran para o sorteo, e ademais do feito de poder premiar aos seus clientes cunha viaxe a Cuba, tamén é publicidade para eles, xa que como é obvio farase un listado dos establecemos onde se poden conseguir as rifas e farase unha inversión importante en publicidade ao respecto. É dicir non estarían gastando 25 euros en rifas senón que estarían invertindo 25 euros nunha gran campaña de publicidade”.
O xerente de Acisa sinala que “o sorteo realizarase de xeito presencial o domingo á tarde noite ao remate dunha actuación musical, respondendo así ás múltiples peticións recibidas de estender a programación do Ribadeo Indiano na vila ata o domingo á noite. As rifas estarán dispoñibles para entregar aos clientes entre o 4 e o 14 de xullo. Podemos adiantar que será unha viaxe a desfrutar no mes de setembro, unha moi boa temporada para visitar Cuba, e que serán 7 días de estancia aló, 3 días na Habana e 4 en Varadero”.
Pola súa banda, Iriarte engadiu: “tanto o xerente coma min levamos moito tempo querendo sortear unha viaxe así neste evento tan importante que é o Ribadeo Indiano, creemos que podemos encher a vila de xente; se na festa do comercio desbordamos sendo inverno, isto pode ser espectacular. Estamos convencidos que este sorteo vai ser un reclamo tanto para os clientes veciños da vila coma para os visitantes e por iso quixemos amplialo aos establecementos que non son socios. Oxalá teñamos que comprar unha urna especial porque non collan as rifas o dia do sorteo”.

0.20132803916931