Acisa Ribadeo xestionou máis de 100.000 euros en axudas
Acisa Ribadeo realiza balance da súa actividade durante 2020 na que salienta máis de trinta campañas, moitas postas en marcha tras a chegada da pandemia do covid-19. A asociación pechará este ano con 170 socios, que recibiron material gratuíto por mor da pandemia. Acisa xestionou máis de 100.000 euros en axudas recibidas das diferentes administracións.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, declarou que “no contexto no que vivimos, a asociación intentou manter o seu normal funcionamento, tratando así de estar á altura das difíciles circunstancias actuais. Nestes meses probablemente temos cometido erros, pero sempre traballamos coa mellor intención, querendo ser útiles e ofrecer o mellor servizo”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou que “realizamos máis de 30 campañas, sendo deste xeito o ano no que máis actividade tivemos. Merecen especial mención, a entrega de materiais de protección gratuítos, repartimos decenas de miles de mascarillas, centos de botes de xel hidroalcohólico, así como toda a cartelería derivada do covid-19. Ademais á posta en marcha das campañas habituais, engadimos outras como Pensando en ti, coa que promocionamos Ribadeo durante o verán, Listos para a túa volta, coa que potenciamos as compras e o consumo no mes de setembro. Tamén con ese fin desenvolvemos o Domingueo, Somos de bares e Rasca e gaña, sen esquecer unha iniciativa moi importante, como cremos que foi a creación do selo de calidade Ribadeo Seguro”.
Iriarte Quintana subliñou “tamén a realización dos compromisos adquiridos na última asemblea como a creación das marcas Villa Marinera de Rinlo e Barrio Marinero de Porcillán, que esperemos poidamos utilizar este próximo ano para fomentar a imaxe turística e gastronómica de ambos lugares e ás que, se todo vai ben, se unirán dúas novas denominacións, xunto coa marca Ribadeo no Camiño, presentada recentemente, e que esperamos teña un gran protagonismo durante o próximo ano”.
Pérez Prada seguiu a relatar: “mantendo o noso compromiso pola promoción individualizada, a dixitalización e a modernización dos socios, puxemos en marcha a app e a plataforma de venda online Ribadeo cerca de ti, creando así novas oportunidades de venda online para quen ata agora non a tiña e reforzando a aqueles que si contaban con esa opción”.
O presidente de Acisa lembrou que “na aposta polo aforro de custes empresariais, temos firmado varios convenios de colaboración que melloran os servizos dos nosos socios, como o transporte, a luz, o teléfono, de comisións bancarias ou para a conciliación familiar. Nesta liña, queremos destacar tamén a entrega de outros materiais como son as bolsas, pegatinas ou papel de regalo gratuíto para este Nadal. Todo isto cremos que suma un valor moi importante e aforra custes empresariais. Outra das prioridades foi a información actualizada e permanente sobre os cambios normativos e axudas durante o confinamento, cun servizo 24 horas todos os días da semana, así como das axudas que se seguen publicando. Tamén exercemos, da mellor maneira que sabemos a nosa función de representatividade, solicitando medidas e axudas específicas directas aos empresarios. Exemplo disto foron as peticións feitas por Acisa para a ampliación de terrazas e o relativo aos cobros de impostos, así como ter conseguido que se celebren actividades, tan importantes para a nosa economía, como a campaña das panchas, na que a nosa asociación xoga un papel fundamental”.
AUMENTO DE SOCIOS
O xerente de Acisa engadiu que “toda esta actividade se mostra en datos como que, preto do peche do ano, contamos con 170 socios, 19 altas no que vai de ano e 8 baixas das que sete temos que lamentar que foron por peche. Economicamente deixamos de ingresar uns 20.000 euros coas cotas canceladas por mor da pandemia, e tivemos que aumentar moito máis do previsto o noso gasto para dar a cobertura necesaria aos socios. Puidemos facer fronte a estas actuacións grazas ás axudas das administracións, así recibimos en diferentes subvencións da Xunta de Galicia uns 80.000 euros (65.000 que xestionamos nós e 15.000 de tramitación directa por parte da administración galega), do Concello de Ribadeo 24.000 euros e da Deputación de Lugo 6.000 euros. A estas cifras temos que sumar os 57.000 euros das panchas, que Acisa xestiona integramente, xa que nosoutros recibimos eses fondos do Concello de Ribadeo para que, despois de todo o proceso de validacións que Acisa fai cos establecementos participantes, se poidan converter as panchas en euros. Presentaremos o balance económico final na asemblea, como todos os anos, e aínda que é cedo para facelo, estamos falando probablemente dun dos anos con máis gasto, case duplicando o previsto a principios de 2020 e cuns ingresos moi destacables, aínda que un pouco máis baixos debido ás cotas non cobradas, o que nos deixará un balance económico cun déficit controlado similar ao do ano pasado. A nosa intención é celebrar a nosa asemblea anual cara o final do terceiro trimestre de 2021, pero dependerá de cómo se atope a situación sanitaria nese momento”.
Francisco Iriarte concluíu dicindo: “quero desexarlles a todos os ribadenses, especialmente aos empresarios e traballadores do noso comercio, da nosa hostalería e dos nosos servizos, así como ás súas familias, un próspero 2021, cheo de forzas para superarnos, que poidamos todos volver abrir as portas dos nosos negocios e recibir de novo aos nosos veciños e visitantes. Non nos conformemos, non nos rendamos e sigamos traballando día a día polos nosos negocios. Nosoutros seguiremos facendo esa labor por Acisa e por Ribadeo”.