Acisa Ribadeo repartiu hoxe os premios da Festa do Comercio
O sorteo da X Festa do Comercio tivo lugar nas oficinas de Acisa esta mesma mañá, tal e como se anunciou foi emitido a través das redes sociais da asociación.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, interveu ao comezo do sorteo dirixíndose á cidadanía cunha mensaxe clara: “grazas aos 170 socios que seguen confiando en Acisa como exemplo de unión para toda Galicia”. Tamén agradeceu o seu espírito de resistencia, a súa capacidade para non renderse e quixo resaltar que “cada vez está máis claro que os autónomos están feitos doutra pasta”.
Iriarte Quintana quixo agradecer tamén aos veciños envorcarse co comercio, a hostalería e os servizos de Ribadeo. E tamén se dirixiu aos veciños e veciñas da comarca: “Ribadeo espéravos a todas e a todos cos brazos abertos cando desaparezan os peches perimetrais, que neste momento están a afectar a algúns municipios da Mariña e á totalidade da veciña Asturias”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo destacou tamén a colaboración das diferentes administracións con Acisa como é o caso do Concello de Ribadeo, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia.
Francisco Iriarte agradeceu o traballo realizado polo persoal e pola directiva de Acisa: “non é fácil dedicar 24 horas ao día a este traballo”. E pediu “ sentidiño, por favor” #ante os próximos días, xa que se aveciñan complicados.
OS GAÑADORES
O resultado do sorteo da X Festa do Comercio, que por primeira vez non foi presencial, é o seguinte:
- Premio 2.000 euros - Rifa Nº 30.584 – Entregado en Óptica Miro.
- Premio de 1.000 € - Rifa Nº 105.562 – Entregado en La Coqueta
- Premio de 500 € - Rifa Nº 47.132 - Entregado en Bar Cienfuegos.
- Premio de 100 € – Rifa Nº 121.943 – Entregado en casa Domingo.
- Premio de 100 € – Rifa Nº 30.899 – Entregado en Óptica Miro.
- Premio de 100 € – Rifa Nº 123.294 – Entregado en Restaurante Marinero.
- Premio de 100 € – Rifa Nº 48.566 – Entregado en Farmacia Álvarez Lebredo.
- Premio de 100 € – Rifa Nº 66.452 – Entregado en O Xantar de Pazos.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “os premiados teñen ata o día 22 de xaneiro para reclamar o seu premio nas oficinas de Acisa Ribadeo, que están situadas na rúa San Roque, 57- baixo, de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Pasada esa data xa non se poderán reclamar os premios. Animamos a todo o mundo a que recompile as súas rifas, compróbeas con detemento e se a súa papeleta é unha das afortunadas achéguese polas nosas instalacións para recoller o seu premio”.
Pérez Prada engadiu que “se recomenda a toda a cidadanía que, aínda que non comprasen nos lugares onde figuran como entregados os premios revisen igual as súas rifas, xa que puido haber intercambios entre negocios ou incidencias no control de entrega das rifas debeu ao volume das mesmas, xa que se repartiron 125.000”.
Os números agraciados pódense consultar desde hoxe e durante varios días nas redes e en web de Acisa Ribadeo.
O presidente de Acisa tivo tamén palabras de agradecemento para a asociación de veteranos de Ribadeo FC “pola súa colaboración económica con estes premios”.