Acisa Ribadeo renovará a súa xunta directiva
Acisa Ribadeo convoca asemblea extraordinaria para proceder á renovación da súa xunta directiva o 19 de setembro. Ata entón a actual estará en funcións. O xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, explicou que foi asinada por parte da presidenta, Carmen Cruzado, a convocatoria de asemblea extraordinaria para a celebración de eleccións, que terá lugar o 19 de setembro. “Xunto á convocatoria electoral fíxoselles chegar a todos os socios e socias un informe da nosa entidade coa situación económica actualizada, as actividades previstas e outros asuntos de relevancia interna, así como a explicación do proceso electoral.”
Comeza o proceso electoral, “cumprindo así o requisito de convocar eleccións no prazo establecido polos estatutos e dando así un período de algo máis de 2 meses, para que se poidan conformar as candidaturas, que teñen desde hoxe mesmo e ata o 12 de setembro ás 12:00 horas para presentarse. Ao mesmo tempo, destacar que o censo para ser elixible ou elector pecharase o 2 de setembro”. Por tanto, terán dereito a presentarse como candidatos ou a votar aquelas empresas dadas de alta e que estean ao corrente do pago das cotas o 2 de setembro.
O xerente engadiu que “no informe económico e de situación da entidade, as asociadas e asociados poderán comprobar cales son as actividades programadas ata outubro e as actividades orzadas ata decembro. Así como a previsión económica ata o peche do presente exercicio. Con iso buscamos que todos o socios coñezan ao detalle a situación económica de Acisa ante a convocatoria do proceso electoral”.
Calquera interesado pode informarse de cal é o proceso para presentarse. “Durante este tempo ata a celebración das eleccións o 19 de setembro a xunta directiva actual pasa a estar en funcións, a dirección efectiva, máis aló das funcións habituais de dirección e xestión, quedan provisionalmente en mans da xerencia, coas limitacións establecidas no mesmo proceso electoral. Con isto búscase que non se paralice a actividade da nosa entidade”.