Acisa Ribadeo ofrece materiais gratuítos para a hostalería pensando na campaña de Nadal

AMariñaXa
Jesús Pérez, xerente de Acisa, destacou que se distribuirán 1.000 bolsas para botellas e 12.000 envases de comida de aluminio aptos para microondas
materiais-Acisa-hostaleria
11 Out 2024

Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) anunciou que pon á disposición dos seus socios materiais gratuítos destinados á hostalería, como envases de comida e bebida para levar, co obxectivo de apoiar ao sector e axudar a reducir custos. Segundo a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, estes materiais inclúen bolsas para botellas de viño, envases de comida para levar e vasos térmicos para café e infusións, produtos amplamente demandados ao longo do ano.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, destacou que se distribuirán 1.000 bolsas para botellas, 12.000 envases de comida de aluminio aptos para microondas e 4.000 vasos térmicos. O investimento realizado para esta acción, preto dos 4.000 euros, finánciase con fondos propios e grazas ao convenio anual co Concello de Ribadeo.

Acisa tamén está a planear novos materiais gratuítos para o comercio, que se presentarán proximamente. Ademais, a asociación está a lanzar unha nova campaña de captación de socios, coa intención de sumar forzas e potenciar as actividades que organizan ao longo do ano en beneficio da economía local.

Finalmente, desde Acisa animan á veciñanza a participar na campaña Merca no teu comercio, en colaboración coa Federación Galega de Comercio e a Xunta, que premiará con vales de compra aos clientes que participen entre o 10 e o 30 de outubro en establecementos asociados. Esta iniciativa forma parte dun conxunto de accións para dinamizar o comercio e hostalería de Ribadeo, especialmente de cara á tempada de Nadal.

0.18521094322205