Acisa Ribadeo ofrece asesoramento e apoio aos negocios sobre os Bonos Activa Comercio
Acisa anima ás empresas locais a adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta. A patronal ofrece asesoramento e apoio aos negocios que o precisen e tamén aos clientes. Trátase dunha “importante actividade da que os nosos negocios poden beneficiarse, por iso os animamos a que se adhiran a unha campaña, que o que persegue é a dinamización do comercio local, explica a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.
Nesta campaña póñense a disposición bonos de 30 euros, que se reparten en descontos de 5, 10 ou 15 euros dependendo do importe de cada compra. Con motivo desta nova edición, “actuamos como entidade colaboradora e polo tanto prestamos apoio e asesoramento tanto a empresas como a particulares nos procesos de adhesión dos negocios, na descarga e tamén no uso dos bonos por parte dos clientes”, indica o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
Calquera interesado poderá pasar polas oficinas de Acisa ou ben poñerse en contacto con eles mediante chamada de telefono ou enviando un correo electrónico. “As socias e os socios de Acisa Ribadeo contan desde hoxe no seu correo electrónico con toda a información sobre esta campaña, pero nesta ocasión coma nas pasadas edicións o noso asesoramento e apoio será para todo o empresariado que o necesite e para toda a súa clientela”, sostén Cruzado Iglesias.
Ambas partes beneficiadas
Destacan que é importante que os negocios locais se adhiran á campaña. “O aforro do que se beneficia o cliente non afecta ao comercio coma un desconto, é dicir non lle supón cobrar menos. Ambas partes saen beneficiadas: o cliente gasta menos por compra e o comercio ingresa o mesmo. O cliente sae contento pola compra feita e o negocio pode fidelizar nova clientela”, subliña Pérez Prada.
Os comerciantes interesados en participar xa poden adherise e a descarga e o uso para clientes será a partires do 26 de abril ao 15 de setembro ou ata o fin do crédito deste programa. Desde Acisa recomendan que “os comercios se adhiran o antes posible e que os clientes consuman eses descontos axiña, porque os Bonos Activa Comercio esgótanse moi rápido”.