Acisa Ribadeo impulsa a gran festa do X Aniversario do Ribadeo Indiano con 45.000 euros

AMariñaXa
Con estes recursos financianse os 15.000 vasos conmemorativos, 14.000 bolsas de comercio ou rifas para o sorteo dunha viaxe a México
acisa-ribadeo-indiano
10 Jul 2025

Ribadeo vístese de branco do 11 ao 13 de xullo para celebrar o décimo aniversario do Ribadeo Indiano, unha cita emblemática que atrae miles de visitantes e dinamiza o comercio local. Para esta edición especial, a organización, coa colaboración de Acisa, investirá máis de 45.000 euros para garantir unha experiencia única, duplicando o orzamento habitual do evento.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “o X Ribadeo Indiano xa está aquí. Este ano 2025, con motivo da celebración do décimo aniversario, e grazas ás axudas obtidas, Acisa Ribadeo fai un esforzo sen precedentes e inviste unha cantidade récord, duplicando o presuposto dedicado ao Ribadeo Indiano, máis do dobre doutras edicións e sendo a actividade á que máis recursos destinamos, con arredor de 45.000 euros. O esforzo ben merece a pena, porque estamos ante a fin de semana máis agardada para todo o tecido empresarial ribadense”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, salientou que “esta inversión supón arredor do 35 % do noso orzamento anual para actividades, o que demostra o compromiso co Ribadeo Indiano. Ademais dos fondos propios, contamos co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Con estes recursos, financiamos elementos fundamentais para o evento, como 15.000 vasos conmemorativos, 14.000 bolsas de comercio, rifas para o sorteo dunha viaxe a México con máis de 160.000 boletos distribuídos entre 170 negocios asociados, actuacións musicais, actividades infantís e xuvenís, decoración con máis de 20.000 metros e a instalación de 1.000 faroliños, ademais da promoción e publicidade do evento”.

Pérez tamén destacou que “o Ribadeo Indiano xerou o pasado ano entre 3 e 4 millóns de euros para o tecido empresarial local e atraeu uns 60.000 visitantes en tres días, cifras que avalan a importancia económica e social desta festa”.

Carmen Cruzado subliñou a importancia do evento para o municipio: “Entendemos que o esforzo económico é fundamental porque o Ribadeo Indiano é o evento máis singular da vila e un motor fundamental para o comercio, a hostalaría e o turismo. Por iso animamos a todos os establecementos a decorar e a participar activamente, facendo que a festa sexa unha experiencia auténtica para veciños e visitantes. Tamén convidamos a todos a participar no sorteo e a levarse un recordo do evento”.

Finalmente, Jesús Pérez agradeceu o traballo de todas as persoas que fan posible o Ribadeo Indiano: “Dende os empregados municipais e de Acisa, ata as empresas contratadas, asociacións e veciños que colaboran de forma anónima. Nesta edición especial, queremos recoñecer tamén a quen puxeron en marcha e fixeron medrar esta festa durante estes anos”.

⚙ Configurar cookies
0.16361093521118