Acisa Ribadeo fai balance do comercio no mes de agosto
As expectativas da patronal ribadense para agosto cumpríronse sobradamente e Acisa cualifica este mes como un dos mellores da serie histórica.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “estamos moi satisfeitos tras os datos facilitados polas nosas asociadas e asociados, porque estamos antes o mellor mes de agosto da historia de Acisa. A ocupación hostaleira foi moi importante, os restaurantes e bares estiveron repletos case todo o mes e o comercio traballou moi ben, polo que o balance que podemos facer de agosto é moi positivo”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez, indica que “todo o mes foi dunha enorme afluencia, pero case todos os empresarios coinciden en que foi especialmente destacado entre o 5 e o 25 de agosto, onde a ocupación hostaleira roldou o 100 %, as reservas en restaurantes foron completas e moitos deles estableceron ata 3 quendas de comidas e ceas e as vendas foron elevadas no comercio”.
Cruzado Iglesias conta que “comercio e restauración coinciden en que agosto foi moi bo. Xullo comezou frouxo, debido ás inclemencias meteorolóxicas, pero a partir do Ribadeo Indiano comezou a remontada e a segunda quincena foi boa. A campaña de rebaixas, aínda que tardou en arrincar, tivo o seu efecto positivo nas vendas. Hai tendas que nos comentan que foi o seu mellor mes de agosto, resultados dos que nos alegramos moito”.
A presidenta de Acisa engade: “empresarios e traballadores están esgotados, porque foron semanas intensas de traballo. Mandámoslles moitos ánimos para afrontar esta semana das festas patronais de Ribadeo e esperamos que os meses de setembro e outubro sexan tamén moi positivos para todos. Este municipio recibe cada vez máis turistas nesta época, na que estamos xa coa volta ao cole e con todas as compras que esta etapa implica. O comercio de Ribadeo é un referente en toda a comarca da Mariña e o Occidente asturiano e iso nótase todo o ano”.
Pérez Prada lembra que “Ribadeo ten infinidade de atractivos para quen nos visita: mar, praias, Camiño de Santiago, historia, patrimonio cultural e un comercio e unha hostalería que son un referente en toda a zona. A quen non nos visitou animámolo a que o faga en calquera momento do ano, porque Ribadeo ten o centro comercial aberto coas mellores vistas e vailles a sorprender moito e moi ben, xa sexa no verán ou en calquera outra época”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, alude tamén ao turismo internacional: “tanto o comercio como os restaurantes recibiron tamén a visita de moitas cidadás e cidadáns estranxeiros durante este verán chegados desde Australia, Estados Unidos ou México, por poñer exemplos dos máis afastados, sen esquecernos de Francia, Italia, Portugal ou Alemaña, entre outros. O turismo internacional está cada vez máis presente. Hainos que veñen facer o Camiño de Santiago e hainos que o fan para coñecer a zona e para visitar a praia das Catedrais, pero compran e consomen en Ribadeo, que é o que máis nos importa como asociación empresarial”.
O xerente de Acisa manifesta: “non debemos esquecer ademais que, aínda que a parte máis forte do verán pasou, se nos guiamos polos datos doutros anos, a tempada turística en Ribadeo aínda non terminou. Ribadeo é un destino moi destacado para o turismo durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun turismo diferente, de estancias máis longas, máis pausado, e que adoita repercutir dunha forma moi especial na economía local, por iso esperamos que en setembro e outubro, se o tempo acompaña, sígase notando una certa afluencia de turistas en Ribadeo que poña o broche de ouro a esta gran tempada turística”.