Acisa Ribadeo exhíxe regulación para mercados e eventos gastronómicos eventuais

Acisa Ribadeo celebrou onte unha asemblea extraordinaria na que, por unanimidade, aprobou a súa postura respecto á proliferación de mercados e eventos gastronómicos eventuais que, ao seu xuízo, afectan negativamente aos negocios locais.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “Ribadeo non precisa deste tipo de eventos en tempada alta. Consideramos que poden celebrarse puntualmente en tempada baixa, sempre que se respecten criterios de planificación e control”. O xerente do colectivo, Jesús Pérez, explicou que “non estamos en contra dos mercados, pero rexeitamos que se celebren sen planificación, sen transparencia sobre os promotores ou os fins da recadación e en datas pouco apropiadas, xerando competencia directa e desleal para o comercio e a hostalaría locais”.
O informe presentado e ratificado na asemblea recolle que moitos destes eventos aproveitan as localizacións máis atractivas e beneficios mínimos, sen asumir os custos que soportan os negocios locais durante todo o ano, como alugueiros, impostos, seguros ou servizos municipais. Ademais, non sempre se cumpren as normas básicas, desde a emisión de tíckets ata os controis sanitarios ou laborais.
Acisa propón, entre outras medidas, a creación dunha mesa de traballo permanente co Concello para coordinar a axenda anual de eventos, limitar a duración a un ou dous días fóra da tempada alta, garantir a transparencia sobre promotores e fins das recadacións, priorizar os artesáns locais e reforzar os controis sanitarios, laborais e fiscais.
A asemblea tamén aprobou modificar os criterios de colaboración de Acisa con outras entidades, aplicando reducións do 25 % nas axudas a eventos que non se axusten aos criterios da asociación e aumentando nun 15 % a axuda destinada a entidades con fins solidarios.
Cruzado e Pérez subliñaron a disposición de Acisa a colaborar conxuntamente co Concello en eventos tradicionais como as Panchas, o Nadal ou a Cabalgata de Reis, pero insistiron en que a protección do tecido empresarial local e a imaxe da vila deben ser prioridades.